Os subscritores de La Voz reciben a obra dixital editada polo Parlamento de Galicia dos 40 anos de autonomía

La Voz REDACCIÓN

GALICIA

Na publicación «Os tempos son chegados. Un balance da Galicia autonómica 1981-2021», vinte autores dan conta dos grandes capítulos da vida política e institucional deste período

25 jul 2023 . Actualizado a las 13:38 h.

A historia dos corenta anos da Galicia autonómica, contada dende a voz de diferentes sectores, actores e xeracións. Iso é ao que terán acceso os subscritores de La Voz de Galicia coa versión dixital de Os tempos son chegados. Un balance da Galicia autonómica 1981-2021, unha obra editada polo Parlamento de Galicia no ano 2021 e que chega este 25 de xullo, Día de Galicia, aos seus correos de forma exclusiva. 

Historiadores, economistas, políticos, filólogos, sociólogos, enxeñeiros e xornalistas dan conta de como evolucionou a autonomía nunha publicación que foi coordinada polo catedrático de Historia Contemporánea, Ramón Villares, e que conta con 18 capítulos asinados por profesores das tres universidades galegas. Neles, debúllanse «os grandes capítulos da vida política e institucional da Galicia autonómica, os seus logros económicos de modernización ou de adaptación a un modelo económico de fasquía europea, as transformacións sociais e demográficas, a influencia do sistema educativo desde a primaria ata a educación superior e, desde logo, a vida cultural, a lingua e os medios de comunicación». É o profesor Villares tamén o encargado da introdución, que se materializa en Un balance da Galicia autonómica

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, estrea as case máis de catrocentas páxinas co prólogo Un Estatuto para seguir medrando, no que recoñece o labor de quen traballou hai corenta anos para sacar adiante este proxecto de autonomía, co que protexer os intereses de Galicia e promover a solidariedade entre os galegos. «Traballemos, pois, por deixar aos galegos de mañá un legado da mesma magnitude que nos deixaron os galegos de onte. Deixémoslles unha senda para medraren, unha concordia na que se sosteren e un futuro no que soñaren», remata. 

Os subscritores de La Voz con acceso dixital terán dispoñible a descarga do exemplar desde hoxe a través desta páxina webhttps://suscriptores.lavozdegalicia.es/os-tempos-son-chegados/

O libro Os tempos son chegados. Un balance da Galicia autonómica 1981-2021 tamén conta coa presentación institucional do presidente do Parlamento, Miguel Santalices, que se pecha cun epílogo con artigos dos tres grupos parlamentarios da Cámara galega nesta lexislatura: Unha década pouco aburrida, de Pedro Puy (PPdeG); Empoderar Galiza, de Ana Pontón (BNG), e Galicia, cara a unha autonomía 5.0, de Luís Álvarez (PSdeG). 

Son as voces de Ramón Máiz Suárez, Roberto L. Blanco Valdés, Nieves Lagares Diez, Xoaquín Fernández Leiceaga, Luis Domínguez Castro, Lourenzo Fernández Prieto, Xan Carmona Badía, Jesús Giráldez Rivero, Eduardo José Corbelle Rico, Antía Pérez-Caramés, Rubén C. Lois González, Antón Costa Rico, Xulia Guntín Araújo, Manuel González López, Margarita Vilar-Rodríguez, Miguel Anxo Seixas Seoane, Henrique Monteagudo Romero e Xosé López García as que presentan os diferentes enfoques da Galicia autonómica, así como os desafíos aos que se enfronta no futuro, nestas dúas partes das que se compón a publicación.

Explica o catedrático e coordinador da obra Ramón Villares que na primeira sucédense seis análises das cuestións transversais, e na segunda, achegas para entender a historia recente e os retos dos próximos anos. Un traballo dos máis completos, senón o único destas características, destes corenta anos.