Antía Pérez Caramés: «A atracción da poboación migrante non debería formularse como unha solución a un suposto problema demográfico»

Sara Pérez Peral
S. Pérez REDACCIÓN / LA VOZ

GALICIA

<span lang= gl >Antía Pérez Caramés, profesora de Socioloxía da Universidade da Coruña</span>
Antía Pérez Caramés, profesora de Socioloxía da Universidade da Coruña

A socióloga da Universidade da Coruña fai unha achega sobre a poboación galega no capítulo que asina en «Os tempos son chegados. Un balance da Galicia autonómica 1981-2021», unha publicación editada polo Parlamento de Galicia e á que os subscritores de La Voz teñen acceso na súa versión dixital

01 ago 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

O sistema de pregunta-resposta con Antía Caramés é rápido e áxil: ela é clara e concisa. Esta profesora de Socioloxía na Universidade da Coruña foi a encargada da parte demográfica que lle atinxe á Galicia autonómica na publicación que o Parlamento editou polos 40 anos logo da aprobación do Estatuto. Os tempos son chegados. Un balance da Galicia autonómica 1981-2021 está dispoñible nunha versión dixital e gratuíta para os subscritores de La Voz

—Faga un pequeno avance do que os subscritores de La Voz se van encontrar no capítulo que asina, «A poboación galega: presente e perspectivas», na publicación editada polo Parlamento. 

—No capítulo preséntase unha análise da evolución da poboación galega nas últimas sete décadas, entre mediados do pasado século e a actualidade. Incídese en aspectos como os cambios na estrutura da poboación, co envellecemento demográfico, e a dinámica poboacional. Isto é o crecemento ou decrecemento no número de habitantes e como distintos elementos, como a mortalidade, a natalidade ou as migracións, afectan a esta dinámica demográfica. 

—Emprega a palabra «inextricable» para definir a relación que existe entre dous aspectos, o socioeconómico e o demográfico. Como están ligados?

—Por tentar explicalo de forma moi sintética: hai moitos elementos das esferas social e económica que teñen unha compoñente demográfica, como o sistema de pensións ou o tamaño da forza de traballo. Ao mesmo tempo, o comportamento demográfico é tamén consecuencia de moitos procesos que se dan no ámbito socioeconómico. As migracións ou a fecundidade son, por exemplo, dúas variables profundamente atravesadas pola situación socioeconómica. De aí que ambos os aspectos, o demográfico e o socioeconómico, estean ligados dunha maneira tan particular. 

—Coa aprobación do Estatuto no ano 1981 púxose a andar unha Galicia autonómica. Como cambiou a estrutura da poboación nestes 40 anos? 

—Os dous cambios máis significativos son, por unha banda, o que ten que ver coa concentración da poboación nas provincias da Coruña e Pontevedra en detrimento de Lugo e Ourense e, en particular, nos municipios costeiros, ao longo do que se deu en chamar o eixo atlántico. Por outra banda, o outro proceso que afectou á estrutura da poboación nos últimos 40 anos foi o envellecemento demográfico, o incremento do número e da proporción das persoas maiores sobre o conxunto de habitantes. 

—Como evolucionou por idades?

O principal cambio na distribución por idades da poboación resúmese no incremento do número de persoas de maior idade, por riba dos 65 e mesmo por riba dos 85, e na redución das persoas máis novas, por debaixo dos 15 anos de idade.

—É o demográfico un dos principais problemas de Galicia? En que momento estamos agora?

—O demográfico non é un problema. Boa parte dos procesos que deron lugar á situación demográfica actual responden a un éxito social, como é o de conseguir aplacar causas de morte que impedían que as criaturas alcanzasen a idade adulta e vencer numerosas enfermidades, dando como consecuencia o aumento da esperanza de vida e, en consecuencia, o envellecemento da poboación. Tamén, o control da descendencia desexada é outro grande logro social, que tivo como efecto a redución no número de nacementos. Ambos os factores dan como resultado un crecemento reducido ou mesmo unha lixeira baixada no número de habitantes, pero isto non supón necesariamente un problema. 

—E cara a onde imos?

—De acordo coas proxeccións de poboación, nos próximos anos, de aquí ao ano 2035, a poboación galega vai tender a reducir moi lixeiramente o seu número de habitantes. Con todo, son proxeccións feitas durante a pandemia, polo que é difícil calibrar como se recuperarán tanto a fecundidade como os movementos migratorios nos anos a vir. 

—A atracción dos movementos migratorios é unha solución? Temos os recursos para acoller inmigrantes?

—A atracción de poboación migrante non debería formularse como unha solución a un suposto problema demográfico. Primeiro, porque a migración é un dereito humano; o dereito a saír do propio país e instalarse noutro, o que casa mal cunha visión instrumentalista das persoas que migran. Ademais, hai que ter en conta outras consideracións. A primeira é que a maior parte dos procesos demográficos característicos da sociedade galega non son revertibles, polo que non ten sentido concibilos como un problema a resolver. A segunda é que as persoas que migran soen procurar asentarse en territorios economicamente dinámicos, o que non soe ser o perfil dos municipios que perden poboación en Galicia. 

Os subscritores de La Voz con acceso dixital teñen dispoñible a descarga do exemplar a través desta páxina web: https://suscriptores.lavozdegalicia.es/os-tempos-son-chegados/

—A galega é unha sociedade envellecida, e con tendencia a envellecer. Cal sería a mellor fórmula para atallar iso?

—Non se pode atallar. A esperanza de vida continuará aumentando, a fecundidade non se incrementará notablemente e non é previsible que os movementos migratorios alteren significativamente a situación demográfica, polo que, nos vindeiros anos, a poboación galega terá unhas características semellantes á actual, quizais algo máis acentuadas no relativo ao envellecemento poboacional. 

—Menciona tamén que moitas veces relacionamos o envellecemento con algo unicamente negativo, pero que iso é parte dun dos maiores logros sociais.  

—O envellecemento é, principalmente, a consecuencia do aumento da esperanza de vida e do control da descendencia desexada. Ambos son dúas das preocupacións constantes na historia da humanidade ás que, entendo, non queremos renunciar e, polo tanto, o envellecemento é entón unha consecuencia asumible de ambos eses procesos. 

—Na bibliografía do capítulo engade unha publicación de Julio Hernández Borge. Hai unha feminización da vellez en Galicia?

—Si, pero non só en Galicia. En todos os países nos que existe envellecemento da poboación prodúcese esta disparidade por sexos no senso dunha maior presenza de mulleres entre as persoas maiores. As razóns hai que procuralas na maior supervivencia, esperanza de vida, das mulleres, que fai que alcancen idades máis avanzadas. 

—Pódese reverter a baixa fecundidade en Galicia. Como?

—Na actualidade, as xeracións de mulleres en idades fértiles son pouco numerosas porque xa son fillas de nais que decidiron reducir a súa descendencia. Tendo en conta ese factor, que é de índole estrutural, o incremento da fecundidade, de habelo, será moi limitado. 

—A previsión é unha lixeira recuperación desta taxa, non?

—As proxeccións demográficas para os próximos anos apuntan cara a un mantemento dos da intensidade á fecundidade e unha recuperación moi pequena nun horizonte máis longo, polo que o máis probable é que nos teñamos que acostumar a vivir con niveis semellantes ao actual de fecundidade. 

—Cales son os principais desafíos demográficos para o futuro?

—Os desafíos son sociais e económicos antes que demográficos: a sociedade ten que adaptarse á situación demográfica existente e persistente e saber recoñecer as vantaxes e oportunidades que tamén supón.