
A Cámara galega non respaldou a iniciativa lexislativa popular que contaba con case 16.000 firmas para restaurar a letra orixinal de Pondal
26 sep 2023 . Actualizado a las 13:17 h.O Parlamento de Galicia rexeitou a iniciativa lexislativa popular (ILP) impulsada por unha trintena de persoas e entidades como Vía Galega e Galiza Cultura para restaurar a letra orixinal de Pondal do himno galego tal e como o autor a escribiu no ano 1890. A proposta, con case 16.000 firmas recollidas, so contou co apoio do BNG, mentres que PSdeG e PP votaron en contra. O encargado de defender esta ILP na Cámara galega foi o catedrático da Universidade de A Coruña e estudoso de Pondal, Manuel Ferreiro, quen desde 1990 constatou que a letra do himno non é a que se aprobou na Lei de Símbolos do 94. Hai un cambio bastante evidente, como é valeroso «chan» no canto de «clan», ou hiperenxebrismos como «iñorantes» en lugar de «ignorantes».
Tanto o PSdeG como o PPdeG rexeitaron esta ILP por entender que hai outras vías para estudar a modificación do texto. A socialista Noa Díaz apuntou á pertinencia de crear unha comisión que leve a cabo unha análise sosegada, unha proposta que compartiu o popular Alberto Pazos. Tamén aludiron aos informes da Real Academia Galega e o Consello da Cultura Galega que xa desde 1996 se fixeron de cara a esta posible modificación.
Para o defensor da ILP a negativa a corrixir os erros da letra do himno supón unha decepción xa que o propio Pondal, que naquel momento contaba cun estado de saúde moi delicado, advertiu das incorreccións. Lembrou a carta enviada polo escritor no ano 1913 dicindo que o texto contén «non poucas erratas», pero xa a súa saúde non lle permitiu facer as correccións pertinentes. Sobre os informes citados por socialistas e populares, «permítanme dicir con toda humildade pero tamén con toda autoridade de ter dedicados moitos anos a estudar a obra de Eduardo Pondal, que un deles é escuálido e otro atravesado de erros», dixo Ferreiro.
Por exemplo, insistiu, estas publicacións aseguran erradamente que Pondal coñeceu o texto e que non dixo nada, e non saben dicir cal é a version última da letra. O catedrático lembra que isto non é verdade, «sabémolo perfectamente, non o saberemos dos manuscritos, pero dos textos impresos non hai ningunha dúbida».
O BNG, a través da depudata Mercedes Queixas, si apoiou esta iniciativa que calificou de «xustiza histórica». Mentres PP e PSOE apostan por agardar a un consenso social, o catedrático lembrou que se confunde «consenso social con institucional» e insistiu en que «so faltaba que Pondal practicamente cego sinalase erro tras erro e menos profetizase que no 2023 se ía discutir sobre cal era a súa letra». «O himno oficial -advertiu- non é a letra de Pondal».
O defensor da iniciativa fixo un último esforzo para pedir a aprobación da ILP, «en definitiva trátase de optar por manter un texto parcialmente falso ou optar pola verdade como corresponde á dignidade do simbolo». Finalmente rexeitouse con 18 votos a favor e 54 en contra.