Ana Pontón, en Lugo: «Cada día que pasa gaña Alcoa e perden os seus traballadores; a solución pasa por unha intervención pública»

María Guntín
María Guntín LUGO / LA VOZ

GALICIA

A candidata do BNG á Xunta de Galicia visitou este sábado a Praza de Abastos da cidade e falou dos proxectos que levará a cabo na cidade se acada a presidencia 

27 ene 2024 . Actualizado a las 16:06 h.

A candidata do BNG á Xunta de Galicia, Ana Pontón, chegou este sábado a Lugo para visitar a Praza de Abastos e abordar o impacto da crise de prezos sobre as familias. Coa puntualidade que a define nos actos públicos, a nacionalista estivo acompañada da cabeza de lista por Lugo, Olalla Rodil, do tenente de alcalde do Concello, Rubén Arroxo, entre outros representantes provinciais. 

Ponton volveu «á casa» para chamar á mobilización masiva nas urnas e expor tamén os proxectos que, de ser a próxima presidenta da Xunta, ten pensados para a cidade da muralla: «Lugo é para min unha cidade de referencia, e onde o BNG xa ten demostrado que é unha forza política que sabe gobernar con capacidade de transformación e compromiso. Estamos ante unhas eleccións nas que nos xogamos moito: cal é a Galiza das próximas décadas».

A nacionalista recalcou no futuro cambio que busca liderar o BNG «para poder reverter as tendencias negativas destes últimos anos, xa que é evidente que o PP non soubo desenvolver Lugo e a súa provincia». Pontón fixo fincapé en que as furnas decidirán entre ela ou Alfonso Rueda: «Se queremos un resultado diferente, temos que apostar por políticas diferentes. Hai unha onda de ilusión en torno ao BNG, unha corrente de simpatía».

«Cada día que pasa gaña Alcoa e perden os seus traballadores; a solución é evidente e pasa por unha intervención pública»

A candidata do BNG á Xunta tamén reaccionou á decisión de Alcoa de retomar a actividade co aviso de que os fondos se esgotarán: «Lugo necesita maior actividade económica, recuperar sectores produtivos e captar industria. Non nos podemos permitir o luxo de perder o que temos e é moi preocupante a situación que temos nunha empresa clave dende o punto de vista económico na provincia, como é Alcoa».

«Dende o Goberno Central e a Xunta pedíanlle seriedade a Alcoa, pero os que teñen que ter seriedade con Lugo son o PP e o PSOE. Levamos demasiado tempo perdido e cada día que pasa gaña Alcoa, pero perden os traballadores», asegurou Pontón. A nacionalista asegurou que, de saír elixida como presidenta da Xunta, intervirá a factoría para «garantir o emprego e a actividade económica».

Olalla Rodil: «Queremos impulsar medidas de apoio para as persoas que teñen dificultades para chegar a fin de mes»

A cabeza de lista por Lugo, Olalla Rodil, agradeceulle a visita a Ana Pontón, e aproveitou para falar do traballo que están a facer os nacionalistas no Concello: «Estamo dando a coñecer as propostas do BNG a favor do comercio local e de proximidade. Queremos poñer ás persoas no centro, aos comerciantes, pero tamén ás persoas que veñen facer a compra. Unha compra que para moita xente é moi difícil. Dende o BNG queremos impulsar medidas de apoio para que a xente con dificultades para chegar a fin de mes teñan unha man da administración que lles axude a mercar produtos saudables, de proximidade e calidade».