Rueda responderá no Parlamento sobre a situación do galego tralo informe do IGE
GALICIA
O pleno da próxima semana inclúe a votación da lei de promoción de recursos naturais
15 oct 2024 . Actualizado a las 16:50 h.O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, responderá á portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, sobre a «drástica caída» do uso do galego, segundo os datos que veñen de coñecerse publicados polo Instituto Galego de Estatística. A líder nacionalista pedíralle, na sesión de control, a derogación do «decreto da vergoña» (o do plurilingüismo), aprobado no 2010, que fixo que o idioma «caia en picado». Pola súa banda, o PSdeG, a través do seu secretario xeral, José Ramón Gómez Besteiro, cuestionará a Rueda sobre o proxecto de Orzamentos do 2025 que este sábado iniciará o seu percorrido parlamentario e se estes atenderán adecuadamente as necesidades da poboación en materia de vivenda, sanidade e educación.
En relación ao idioma galego, a viceportavoz do BNG, Olalla Rodil, denunciou este martes que a política lingüística do PP está sendo «nefasta». «Non vai poder escorrer o vulto porque o estudo é demoledor», indicou a deputada, que expuxo que os populares vetaron a comparecencia que solicitaban do presidente galego sobre este asunto. Criticou tamén que o 32 % dos nenos e nenas menores de 14 anos non coñecen o galego e máis da metade nunca o usan: «O máis grave é que a Xunta do PP está impedindo directamente coñecer o seu propio idioma a unha parte fundamental do noso país».
Un dos puntos máis destacados do pleno será a votación da nova lei de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia. Esta normativa busca asegurar unha «xestión responsable dos recursos naturais» e que o aproveitamento destes se traduzca en beneficios para o territorio e a súa xente, respectando as máximas esixencias medioambientais. A lei ampara a creación dunha comercializadora de enerxía a partir do 2025 a través da sociedade público-privada Recursos de Galicia (RDG). Tamén se debatirá sobre a iniciativa lexislativa popular para recoñecer e protexer as actividades pesqueiras e marisqueiras tradicionais, avalada por case 18.000 sinaturas.
En materia de vivenda, o BNG presentará unha proposición non de lei para duplicar a promoción pública e mobilizar inmobles baleiros. O PSdeG tamén preguntará sobre a situación do uso do galego e os pactos cos estamentos que traballan por esta lingua e interpelará ao Goberno sobre a nova lei de medios de Galicia que prepara a Xunta.
O Grupo Popular levará dúas proposicións non de lei. Unha delas pedirá que o Goberno central garanta o acceso de Lugo e Ferrol á alta velocidade ferroviaria, denunciando que ambas as cidades seguen excluídas deste servizo. Alberto Pazos, portavoz do PPdeG, afirmou: «A realidade é que cidades como Lugo ou Ferrol seguen excluídas da chegada do AVE, o que implica unha perda de oportunidades sociais e económicas». Ademais, os populares solicitarán un reparto máis equitativo das axudas ao sector audiovisual en linguas cooficiais, denunciando que o 70 % destes fondos se destinan a Cataluña.