
Consideran que os últimos datos do IGE colocan a Galicia ante unha «emerxencia lingüística extrema»
18 oct 2024 . Actualizado a las 16:08 h.A plataforma Queremos Galego convocou unha mobilización en defensa da lingua propia de Galicia para o domingo 17 de novembro. O acto, aberto a todas as persoas e entidades que queran unirse, celebrarase en Santiago de Compostela a partir das 12.00 horas baixo o lema «Mudemos o rumbo. Polo futuro do galego».
Así se comunicou este venres nunha rolda de prensa na que o o voceiro da plataforma e presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, sinalou que a manifestación é unha resposta aos últimos datos do IGE que, a partir de 10.000 enquisas, conclúe que o castelán xa é o idioma máis falado de Galicia. «Os datos certifican a emerxencia linguística extrema que vive a nosa lingua, como consecuencia de non se ter actuado sobre a expulsión e exclusión do galego de todos os ámbitos da vida social», indicou Maceira.
O voceiro censurou que a Xunta «bótalle a culpa do desastre ás familias e agora tamén á inmigración» cando, ao seu xuízo, foi o propio Goberno galego do PP o que «intensificou» a exclusión do galego nos últimos quince anos con medidas como o decreto «contra o galego» no ensino ou a desaparición de programación infantil ampla e actualizada da TVG.
Fronte a isto, Maceira reclamou «que o galego estea en todo e para todo», e animou ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e ao conselleiro de Cultura, José López Campos «a facer a proba de tentar vivir en galego». «Que proben a obter un consentemento informado no Sergas en galego, a obter atención en calquera servizo público. Que intenten transmitir a lingua aos seus fillos e fillas, ou porlles deseños animados, filmes ou series en galego. Se estivesen neste lugar actuarían doutro xeito», indicou.
Con todo, a coordinadora de Queremos Galego e secretaria xeral da Mesa, Celia Armas, considero que é posible reverter a situación da lingua en Galicia «co compromiso de todas e todos». Entre as posibles solucións, citou a reactivación do Plan Xeral de Normalización Lingüística, aprobado hai vinte anos cun amplo consenso político e social, sempre e cando «a Xunta amose a máis mínima vontade por aplicalo».
Armas animou a toda a sociedade galea a se mobilizar o vindeiro 17 de novembro e converter o acto nunhca gran convocatoria unitaria que amose que «entre todas e todos podemos rectificar a historia e garantir futuro para Galiza e o galego».
A web da plataforma habilitou un espazo para recoller apoios individuais e colectivos á convocatoria.