O Parlamento financiará a fundación que vai xestionar o Panteón de Galegas e Galegos Ilustres nun 55 %
GALICIA
Cumio na Cámara galega para afondar na activación da entidade que «dignificará» e restaurará a igrexa de San Domingos de Bonaval e o seu entorno
30 oct 2024 . Actualizado a las 18:31 h.A fundación que asumirá a xestión do Panteón de Galegas e Galegos Ilustres toma por fin forma logo da cita deste mércores ao mediodía no Parlamento galego. Ao encontro convocado polo presidente da Cámara autonómica, Miguel Santalices, acudiron representantes das outras tres institucións membros do seu futuro padroado: o conselleiro de Cultura, José López Campos; a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín; e o arcebispo Francisco José Prieto.
Os catro coincidiron na «boa sintonía» ao longo da reunión, na que se analizou a constitución da fundación e do seu padroado, que se oficializará proximamente nun rexistro notarial no propio Parlamento. As partes coincidiron en que o lexislativo, como xa establece a lei aprobada por unanimidade o ano pasado, sexa quen aporte a meirande porción do financiamento da fundación. Abonará o 55 %, mentres que o resto de institucións sufragarán, a partes iguais, o importe restante: é dicir, un 15 % cada unha. Santalices salientou a importancia de que os tres grupos da Cámara coincidiran en reivindicar este espazo, restaurando a igrexa de San Domingos de Bonaval e o seu entorno. Por diante quedan perfilar os últimos trámites administrativos, pero o presidente do Parlamento avanzou que será do xeito «máis rápido posible». A cantidade de capital fundacional será de 30.000 euros.
Seguindo co establecido na lei, a Fundación Panteón de Galegas e Galegos Ilustres estará presidida polo titular da Presidencia do Parlamento e contará como membros do padroado ás persoas integrantes da súa mesa e máis aquelas en representación da Xunta, do Concello e da Arquidiocese de Compostela.
O conselleiro de Cultura subliñou que o padroado será o foro perfecto para «avanzar na dignificación» do Panteón, cuxo valor simbólico «representa a esencia» do pobo galego como «símbolo» e como «proxección» do país cara o exterior. López Campos tamén afondou na «intelixencia e capacidade» das catro partes para chegar ao entendemento mediante o diálogo, materializado xa no acordo unánime do Parlamento. «Non é o habitual, pero en Galicia ás veces nos empeñamos en dar imaxe de normalidade política. Neste caso, nas cousas que son importantes», continuou o titular de Cultura, Lingua e Xuventude do Goberno galego, que agradeceu os esforzos da rexedora compostelá e do arcebispo.
Sanmartín apelou a esa «unanimidade total» para decidir a posta en marcha do padroado, a simboloxía do Panteón e a súa recuperación. «Sermos quen de conseguir que sexa un elemento de identidade que se proxecte ao conxunto do país», avogou a alcaldesa, que indicou que, en paralelo a constitución da fundación que xestionará o espazo, traballarase noutras cuestións como a cesión dos terreos. «O importante é que a fundación saia adiante», advertiu.
O arcebispo coincidiu nesa vontade de «camiñar paralelamente» neses trámites administrativos e valorou a creación da fundación para «amparar e coidar» a memoria viva «daqueles que nos precederon».
A igrexa conventual de San Domingos de Bonaval garda os restos de Rosalía de Castro dende maio de 1891, asentando a orixe do Panteón de Galegas e Galegos Ilustres. Foron alí enterrados con posterioridade Alfredo Brañas (1906), Francisco Asorey (1961), Ramón Cabanillas (1967), Daniel Rodríguez Castelao (1984) e Domingo Fontán (1988).