O conselleiro López Campos propón no Parlamento declarar o 2025 como Ano Castelao

La Voz SANTIAGO / LA VOZ

GALICIA

Enmarca esta proposta nas negociacións para acadar un gran pacto polo galego co resto de grupos parlamentarios

06 nov 2024 . Actualizado a las 17:43 h.

O conselleiro de Cultura e Lingua, José López Campos, propuxo este mércores aos grupos parlamentarios chegar a un acordo para declarar o 2025 como Ano Castelao, co gallo do 75 aniversario do falecemento deste «insigne» personaxe que é «referente do galeguismo de onte e de hoxe». En resposta a unha pregunta do PPdeG no pleno do Parlamento, plantea que en torno á figura de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao se deben acadar os «acordos políticos que permitan construír unha Galicia máis próspera da que a nosa lingua siga sendo referencia e sinal de identidade, non só aquí, senón tamén máis alá das nosas fronteiras», recolle Efe.

Así, enmarca esta proposta nas negociacións para acadar un gran pacto polo galego e di que espera a resposta dos grupos parlamentarios para comezar a implementar, por parte da Xunta, as medidas necesarias para que o Ano Castelao sexa tamén «o ano de Galicia e da lingua galega». López Campos informa de que «nos próximos días» se convocarán novas reunións do pacto polo galego e valora «moi positivamente» a actitude dos catro partidos con representación parlamentaria -PP, BNG, PSdeG e DO- tras os primeiros encontros.

Ao seu xuízo, o clima é «especialmente bo» e compróbase que todos os partidos comparten «a mesma diagnose» e están «sensibilizados coa situación do galego». Por iso, di que é «optimista» respecto a este pacto pola lingua e espera que nas próximas semanas se poida seguir avanzando, xa que «é moito máis o que nos une que o que nos separa», conclúe.

Neste sentido, insta a non centrarse en cuestións «menores ou excepcionais» como que menos dun 1 % dos interinos nalgúns postos da administración autonómica poidan acceder sen coñecer a lingua galega. Sobre esta cuestión, acaba de responder o conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, a unha pregunta do deputado do BNG Daniel Pérez, quen critica que a lei de acompañamento dos orzamentos de 2025 inclúa unha disposición para permitir acceder a algúns postos públicos sen acreditar o coñecemento da lingua galega.

Corgos argumenta que esta disposición, xa incluída noutros orzamentos anteriores, é unha «excepción» que non hai que elevar á categoría de regra, porque nos dous últimos exercicios «só se aplicou no 1 % dos contratos temporais» e a norma xeral é que sexa obrigatorio o coñecemento do galego. Trátase dunha «solución excepcional», insiste, para garantir a prestación de servizos públicos cando «non se atopa a ninguén e antes de que quede baleiro ese posto», en tres categorías onde hai escaseza de persoal: en facultativos, enfermeiras e auxiliares de enfermería do ámbito sanitario e de política social.

O deputado nacionalista replica que se xa se aplica en anos anteriores «e agora se aplica a máis categorías» iso non fai máis que «aumentar a gravidade» da medida, polo que lle di a Corgos que «está a tempo de frear o despropósito» que supón dicir que se garante o dereito a comunicarse en galego coa administración pública cando «a persoa que te vai atender non o pode falar». O conselleiro lamenta que o BNG faga «política da mala», ao defender a súa «ideoloxía» e «plantexamentos radicais» en lugar de preocuparse por ter traballadores para cubrir un posto nun servizo público. «Cales son as súas propostas, deixar sen cubrir a praza?», cuestiona.