Queremos Galego chama a participar este domingo na concentración de Santiago ante a «emerxencia lingüística extrema»

Redacción LA VOZ

GALICIA

Representantes de Queremos Galego, este mércores en Santiago
Representantes de Queremos Galego, este mércores en Santiago EUROPA PRESS

Será ás doce da mañá na praza da Quintana e ao remate actuarán Tanxugueiras. Dende a plataforma instan á Xunta a iniciar un proceso «transparente, amplo e coa participación das entidades sociais galegas»

13 nov 2024 . Actualizado a las 16:56 h.

Colectivos políticos, sindicais e diferentes asociacións fixeron un chamamento para que os galegos participen este domingo nunha concentración e «gran asemblea multitudinaria» na praza da Quintana de Santiago, ante a «emerxencia lingüística extrema» que vive a lingua. 

Aínda que nun principio a Plataforma Queremos Galego convocou unha manifestación para o 17 de novembro, os seus representantes explicaron nunha rolda de prensa este mércores que a concentración mantén o lema Mudemos o rumbo. Polo futuro do galego e será unha «gran convocatoria» polo galego. Comezará as doce da mañá na praza, onde tamén rematará.

O portavoz da plataforma, Marcos Maceira, subliñou os detalles do acto e avanzou que se lerá unha declaración unitaria, que aínda continúa aberta e que xa asinaron 167 colectivos «de moi diferente tipo». Estes instan á Xunta a iniciar un proceso «transparente, amplo e coa participación das entidades sociais galgas», que conte cun calendario de aplicación inmediata, mecanismos de avaliación e recursos. 

Segundo a xornalista Tereixa Navaza, o proceso debe partir dos obxectivos que se contemplan na Lei de Normalización Lingüística, a Lei Paz Andrade e o Plan Xeral de Normalización do 2004. Navaza insistiu en que, sen a presión da sociedade polo futuro da lingua, «o goberno non fará absolutamente nada». 

Actuación de Tanxugueiras

Marcos Maceira explicou que este é o comezo dun movemento moito máis amplo e que a concentración do domingo contará coa actuación de Tanxugueiras. Nesta «gran asemblea», dixo, tamén se decidirán as liñas xerais de acción para os próximos meses para lograr o «cambio de rumbo que o galego precisa». O portavoz da Plataforma Queremos Galego subliñou que un dos obxectivos do acto é comezar outro proceso de activación da sociedade galega «pola lingua que a une», e que «nunca máis» se vaia cara atrás na normalización. 

«Non pode haber nunca máis pasos atrás para a lingua galega. Os desprezos e ataques á lingua propia de Galicia impulsados pola Xunta nos últimos 15 anos non poden repetirse», afirmou Maceira, que criticou a falta de respostas do Goberno galego ás solicitudes para reunirse con entidades como a Mesa pola Normalización Lingüística, «o que non axuda a confiar en que teñen verdadeira intención de iniciar ningún tipo de proceso». 

O próximo 30 de abril, avanzou Maceira, estarán nas Nacións Unidas para denunciar «os incumprimentos dos acordos nacionais e internacionais» ou determinados aspectos relacionados cos dereitos humanos ou o uso do galego.