Os 11 grupos de traballo para renovar o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega reuniranse a última semana do ano
18 dic 2024 . Actualizado a las 16:52 h.A Xunta e a Fiscalía Superior colaborarán para favorecer o uso da lingua galega na Xustiza. O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, asinou este martes un convenio co fiscal superior de Galicia, Fernando Suanzes, dando un paso máis «no proceso para prestixiar e normalizar o uso do galego nos distintos ámbitos da Administración». Así, os traballadores de Xustiza recibirán unha formación específica en lingua e cultura galegas, como tamén o fará o persoal sanitario.
López Campos subliñou que se trata de «mellorar a disposición do persoal funcionario de Xustiza respecto ao uso do idioma» e de actualizar os recursos técnicos para facilitar o traballo en galego. O conselleiro dixo que seguen a traballar para impulsar o uso social da lingua «dende diversas perspectivas e actuando en diferentes realidades», tal e como se comprometeron co pacto pola lingua, co que afirmou que seguen a avanzar. Precisamente, o próximo luns reuniranse coa Mesa pola Normalización Lingüística.
Nesa mesma liña, o conselleiro anunciou este mércores o encontro na última semana do ano dos 11 grupos de traballo que se crearán para renovar o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega do 2004, que están conformados por 70 persoas «perfectamente cualificadas, de prestixio absoluto e total».
Este traballo coa Xustiza forma parte das propostas incluídas na actualización prevista para o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega que lle foi entregado, segundo López Campos, aos grupos parlamentarios hai uns días no segundo encontro no marco do pacto pola lingua. «O da Administración é un dos bloques nos que nos centramos para realizar accións que se adapten ao escenario actual no que vivimos, e que se une a outros moi diversos que van dende a educación e a economía ao ámbito familiar, a mocidade ou as tecnoloxías», sinalou.
Esta renovación do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega correspóndese, segundo o responsable de Lingua da Xunta, coa necesidade de adaptar as actuacións á realidade social, demográfica e lingüística actual de Galicia, «nos distintos ámbitos sociais, sectores profesionais, entre as persoas chegadas de fóra, entre a mocidade e, en xeral, na vida cotiá».
As medidas que están a poñer en marcha dende a Xunta e as que desenvolverán nos vindeiros meses teñen que ver coas relacións nas Administracións, co fomento de accións transversais no eido familiar e entre a mocidade, co aumento da presenza da lingua galega nos medios de comunicación e nas industriais culturais, con intervencións que van dende as crenzas relixiosas e os servizos sociais, ata o deporte, o asociacionismo, o turismo ou o lecer.
Amais da formación para os traballadores do ámbito da xustiza e a sanidade, destacan os cen cursos de cultura e lingua galegas para persoas chegadas do exterior, que segundo o conselleiro xa se están deseñando, así como grupos de voluntariado lingüístico impulsados dende a Dirección Xeral de Xuventude para organizar conversas entre a mocidade.