A Xunta defende que máis da metade das familias non mudarían o galego nas aulas

GALICIA

O estudo sobre percepción social da lingua detecta un 13,5 % de menores que falan un terceiro idioma, ademais de castelán e galego
06 feb 2025 . Actualizado a las 23:42 h.O Goberno galego segue a recompilar información para construír a base de traballo dos once equipos encargados de presentar, a finais de 2025, unha proposta definitiva para actualizar o Plan Xeral de Normalización Lingüística. A última achega documental presentouse este xoves na Cidade da Cultura, onde a Xunta compartiu as principais conclusións dunha enquisa sobre a percepción social do galego, elaborada a partir de máis de 1.200 entrevistas a familias con fillos en idade escolar. «É fundamental coñecer a percepción da sociedade galega e o seu grao de preocupación. Nese sentido, estamos satisfeitos: hai unha sensibilidade moi alta en relación coa nosa lingua», expuxo o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos.
«O 94,5 % dos pais afirman que os seus fillos saben falar galego, con maior ou menor grao de competencia», sinalou Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística, encargado de expoñer os resultados máis relevantes da enquisa. Salientou que esta porcentaxe é a máis alta entre todas as comunidades autónomas con lingua cooficial e que o galego é empregado a diario polo 67,5 % do estudantado. Ademais, seis de cada dez familias declaran estar «satisfeitas ou moi satisfeitas» co seu uso no sistema educativo, mentres que o 80 % din «non ver problema» na presenza do idioma nas aulas.
Porén, un 26,9 % considera que debería propiciarse un cambio para que o galego gañe peso nas clases, fronte a un 55 % que aposta por mantelo como está, segundo a enquisa, elaborada por Sondaxe. Hai datos menos alentadores para o futuro da lingua, como o feito de que un 31,1 % dos rapaces interactúe só en castelán ou o incremento de nenos e nenas que falan, ademais dos dous idiomas cooficiais, unha terceira lingua de xeito nativo. En concreto, un 13,5 %, o que reflicte o aumento de estudantes nados noutros países.
Manuel González, coordinador do equipo técnico da Xunta para o novo Plan Xeral, valorou a enquisa realizada a familias con fillos en idade escolar porque «é neste sector onde se está a forxar o futuro da lingua galega». «Hai un problema gravísimo, que é o da transmisión familiar. É na familia onde se sustenta o futuro da lingua», advertiu.
Ese é un dos principais ámbitos nos que a Xunta pretende poñer o foco nos once grupos de traballo que se presentarán a próxima semana para, a finais de 2025, dispor do documento definitivo co que impulsar un pacto pola lingua e renovar o actual Plan Xeral de Normalización, aprobado hai vinte anos. Entre as propostas para fomentar o seu uso, Valentín García destacou no informe a inclusión do galego en videoxogos, a organización de concursos para que os nenos creen contido neste idioma, a promoción da creación audiovisual en plataformas dixitais e o reforzo da súa aprendizaxe para estranxeiros.
Sen discriminación
«Temos un bilingüismo cordial que é aceptado, as familias usan ambas linguas con total normalidade», reivindicou López Campos. O conselleiro aludiu así á parte do informe que avalía a opinión das familias en relación coa crenza de se existe ou non en Galicia algún idioma discriminado. En termos globais, o 53,6 % das persoas que se comunican habitualmente en calquera das dúas linguas cooficiais consideran que non hai ningún idioma discriminado. No caso daqueles fogares onde o castelán é preferente, a porcentaxe sobe ata o 69 %, mentres que nas familias que falan habitualmente galego, o 52,4 % responden do mesmo xeito.
Outro argumento empregado neste eido polo responsable da Xunta é que o 77 % dos enquisados manifestan responder en galego cando se lles dirixen nesa lingua, fronte ao 83,7 % que contestan en castelán cando lles falan nese idioma.
López Campos pide «altura de miras» ao BNG no pacto polo idioma
Por diante queda todo un ano de traballo na proposta definitiva para renovar o Plan de Normalización. Unha tarefa que comezou pouco despois de que o Instituto Galego de Estatística situase xa o castelán como a lingua máis utilizada en Galicia. Nese momento, en outubro do pasado ano, a Xunta iniciou a rolda de conversas cos grupos parlamentarios, incluído o propio Partido Popular, para asinar un pacto polo idioma no prazo de quince meses. A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, saíu daquela reunión sinalando que esa axenda marcada polo Goberno galego era «marear a perdiz».
O conselleiro instou aos grupos políticos a asumir «a responsabilidade de chegar a acordos necesarios». «Pode haber discrepancias, entendemos as formas de manifestalas, pero ninguén pode quedar fóra», indicou López Campos, que fixo un chamamento a quen aínda non se sumou «a este proceso de diálogo coa sociedade galega». O responsable de Lingua na Xunta referíase directamente ao BNG, o único grupo parlamentario que non designou un coordinador como interlocutor para o pacto polo idioma.
«Non entendo que, neste momento, non esteamos todos participando nel. Deberiamos ter altura de miras», reclamou o conselleiro, que asegurou a preocupación compartida polo galego. «Podemos discrepar nas formas, pero non no fondo», subliñou López Campos, destacando que hai persoas «totalmente competentes e acreditadas neste proceso», nomeando a quen sentaba na mesma mesa que el, o catedrático Manuel González, con un papel destacado na redacción do último Plan de Normalización.
O BNG deixara claro naquela reunión de outubro que non habería pacto pola súa banda sen a derrogación do decreto do plurilingüismo aprobado pola Xunta en 2010. Os nacionalistas sinalan esta norma como a principal responsable da caída de galegofalantes.
O informe presentado este xoves polo Goberno galego descarta a súa derrogación con base na percepción «xeralmente positiva» sobre a presenza do galego na educación e, polo tanto, na «importancia de respectar e manter o modelo educativo vixente», conclúe.
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude tamén enviou unha mensaxe ao PSdeG, que acusara a Xunta de boicotear o uso do galego nas institucións europeas. Asegurou estar «a favor» da implementación das linguas cooficiais, pero reclamou «coherencia» ao Goberno central ante a falta de financiamento no PERTE da lingua.