Interrompen ao conselleiro de Lingua no Parlamento cantando en defensa do galego

GALICIA
Entre os autores da protesta, da plataforma Queremos Galego, estaba a responsable de organización do BNG, Lucía López
12 feb 2025 . Actualizado a las 15:23 h.Durante a súa segunda quenda de resposta no Parlamento, o conselleiro de Lingua, José López Campos, foi interrompido por varias persoas que asistían ao pleno dende o público, poñéndose en pé e cantando a prol do galego. Campos, que era interpelado por BNG e PSdeG sobre o pacto que a Xunta impulsa para aprobar un novo Plan de Normalización Lingüística, detivo o seu discurso mentres os manifestantes eran desaloxados a petición da Presidencia da Cámara.
Os asistentes forman parte da plataforma Queremos Galego, unha das organizacións impulsoras da manifestación que terá lugar o próximo 23 de febreiro en defensa do idioma e que foran convidadas polo BNG. Facendo son de percusión ao bater cunchas, cantaban «Queremos galego xa» ao ritmo do Uah! de Suso Vaamonde, obrigando ao conselleiro a interromper o seu discurso.
A presidenta do Parlamento galego, Elena Candia (en substitución de Miguel Santalices, de baixa), esixiulles silencio e reclamou aos servizos da Cámara que desaloxasen os manifestantes da tribuna de público. «É unha norma que hai que cumprir, e cando iso non se fai, ten as súas consecuencias», advertiu, mentres deputados do Partido Popular amosaban o seu malestar dende os seus escanos. Entre os autores da protesta estaba a responsable de organización do BNG, Lucía López.
Fontes da Presidencia do Parlamento sinalan que o grupo que facilitou a entrada dos convidados, o BNG, non poderá levar público ao próximo pleno como sanción á protesta deste mércores.