A Xunta ábrese a «cambiar cousas» do decreto do plurilingüismo para acadar un pacto polo galego

GALICIA

O secretario xeral de Lingua advirte que o problema do idioma «non está dentro das aulas», senón nos espazos de socialización
13 feb 2025 . Actualizado a las 18:06 h.Un día despois de celebrarse a primeira reunión da comisión encargada de actualizar o Plan Xeral de Normalización Lingüística, coa participación dun cento de profesionais de distintos ámbitos na Cidade da Cultura, o secretario xeral de Lingua, Valentín García, compareceu en comisión parlamentaria. Na súa intervención, recoñeceu que nesa negociación do pacto polo galego que impulsa a Xunta poden «cambiar cousas» do decreto do plurilingüismo, unha liña vermella que debuxa o BNG para incorporarse a esa mesa de traballo. Aínda así, García insistiu en que esta norma, aprobada hai quince anos polo Goberno de Alberto Núñez Feijoo, non é a causa de que haxa máis nenos castelanfalantes.
«Xa dixemos que o decreto estaba enriba da mesa, que podemos cambiar cousas no decreto, pero nós detectamos que o problema do galego non está no galego dentro das aulas», advertiu. O conflito nos centros educativos, continuou, son os espazos de socialización. «Ese eterno relato de que nenos de familias galegofalantes van ao colexio e volven falando en castelán é certo», admitiu, algo que en escolas rurais «non pasa». É dicir, que a mudanza no uso do idioma está relacionada coa socialización entre compañeiros, non coa ensinanza nas aulas.
García defendeu que o debate sobre o galego debe abordarse desde unha perspectiva ampla, non só no ámbito educativo. Asegura que «o problema do galego é de uso e non normativo» e que os nenos non cambian de idioma polo que diga un goberno, senón polo seu entorno.
Malia a apertura a posibles modificacións no decreto do plurilingüismo, o documento presentado a semana pasada pola Xunta sobre a percepción social do idioma descarta a súa derrogación, baseándose na sensación «xeralmente positiva» sobre a presenza do galego na educación e, polo tanto, na «importancia de respectar e manter o modelo educativo vixente». En concreto, un 26,9 % considera que debería propiciarse un cambio para que o galego gañe peso nas clases, fronte a un 55 % que aposta por mantelo como está.
A deputada socialista Silvia Longueira comparoulle os resultados desta enquisa, na que un 54 % das familias considera que non hai discriminación lingüística, cos datos do Instituto Galego de Estatística (IGE), que mostran que o castelán é xa a lingua máis falada en Galicia. Longueira pediu avances concretos no pacto polo galego e mostrou escepticismo sobre a eficacia das reunións iniciadas esta semana para renovar o Plan Xeral. «Haberá algo que vaian facer que non sexa aplaudirse a si mesmos?», cuestionou a deputada, que confirmou a participación do PSdeG malia as súas dúbidas.
O proceso para actualizar este plan comezou este mércores coa primeira reunión da comisión encargada, presidida por Manuel González e coa participación de representantes do PPdeG, PSdeG e Democracia Ourensana. Porén, o BNG, principal partido da oposición, decidiu non sumarse a estas reunións, sinalando o decreto do plurilingüismo como principal responsable da perda de galegofalantes.
Nun acto celebrado hoxe na Cidade da Cultura, o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, lamentou que se pretenda «focalizar» o debate nun só aspecto, como o da ensinanza. Alentou a fuxir de maximalismos, como sería a derrogación do decreto, e denunciou tamén o boicot que sufriu o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, por parte da plataforma Queremos Galego no Parlamento, así como o protagonizado pola Mesa pola Normalización, que onte pola tarde abandonou a primeira comisión de traballo para renovar o Plan Xeral.