Pontón acusa a Rueda de querer impoñer o monolingüísmo en castelán

La Voz REDACCIÓN / LA VOZ

GALICIA

Pontón, na Festa da Filloa da Baña, este domingo.
Pontón, na Festa da Filloa da Baña, este domingo. Lavandeira jr | EFE

A líder do BNG chama a unha mobilización masiva polo futuro do idioma na manifestación do próximo domingo 23

16 feb 2025 . Actualizado a las 17:12 h.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, fixo un chamamento á mobilización masiva o próximo domingo, 23 de febreiro, na marcha convocada en defensa do futuro do galego. «A lingua dos nosos avós, das nosas nais e que queremos legar aos nosos fillos e netas», afirmou durante unha visita á Festa da Fillloa á pedra de A Baña.

Pontón asegurou que, a pesar da «situación crítica» do idioma, miles de galegos traballarán xuntos para impulsar un cambio de rumbo. «Temos que mobilizarnos como sociedade e con todo o entusiasmo para defender que en galego temos futuro», subliñou.

Criticou que o PP non busque un pacto real pola lingua, senón un «para enterrar o galego», mantendo políticas que levaron ao idioma «á peor situación en toda a nosa historia». Sinalou que os datos oficiais amosan a perda de falantes e que o 24% dos menores de 14 anos non sabe falar galego.

Denunciou que os populares sigan unha «folla de ruta para impoñer o monolingüísmo en castelán» e busquen converter o galego nunha lingua residual. «O verdadeiro obxectivo do PP é que o galego sexa cada vez máis pequeno», advertiu, acusando á Xunta  de negar a realidade lingüística de Galicia.

Pontón reprochou tamén a postura do PP no Congreso, votando xunto con Vox contra a oficialidade do galego en Europa. «Mentres nos din que queren un pacto polo galego, votan en contra de máis recursos para o galego e poñen en marcha leis que van en contra da nosa lingua», denunciou.