Catro mil nenos e nenas participan nos 21 días co galego, un encontro lúdico para prestixiar a lingua

REDACCIÓN / la voz

GALICIA

XOAN A. SOLER

A Xunta destaca a implicación das novas xeracións na defensa do idioma

25 feb 2025 . Actualizado a las 17:07 h.

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, destacou este martes as propostas que está levando a cabo a Xunta para implicar as xeracións máis novas «nun maior emprego e prestixio do galego». Fíxoo durante a celebración do III Encontro 21 días co galego e +, unha actividade lúdica á que estaban convidados preto de catro mil rapaces, mestres e persoal administrativo e de servizos dunha decena de centros educativos de toda Galicia.

Todos eles participaron este ano na sétima edición deste programa de dinamización lingüística, impulsado polo Goberno autonómico. Precisamente, López Campos apuntou «o importante papel» que xoga esta iniciativa para incrementar o uso da nosa lingua entre a cativada, xa que durante tres semanas consecutivas o alumnado de educación infantil e primaria destes centros desenvolveron as actividades de lecer en galego. Entre o 31 de xaneiro e ata o pasado 21 de febreiro, participaron en obradoiros de regueifas, contacontos e espectáculos musicais. Ademais, contouse coa implicación dos programas Galicia por diante, da Radio Galega, cunha sección diaria dedicada a esta medida, e do Dígocho eu!, da CRTVG, que celebrou encontros co alumnado.

O representante do Goberno galego celebrou este tipo de accións que «conseguen impulsar unha maior presenza do galego nas propostas de lecer entre a xente máis nova, dentro e fóra das aulas». «É neste tipo de proxectos nos que estamos traballando para transmitirlle á rapazada o amor pola nosa lingua mentres se divirten coa cultura e socialización co seus», apuntou.

Implicación do profesorado

O conselleiro de Cultura aproveitou este encontro coa comunidade educativa para agradecer aos profesores a súa total implicación na posta en marcha deste programa, unha involucración dos mestres que ampliou «a todo tipo de iniciativas a prol do galego». Ao respecto, considerou que desta entrega «dan perfecto testemuño» as cualificacións académicas, en equilibrio coas de lingua castelá, e tamén o feito de que en Galicia «contemos cun alumnado con plenas competencias no seu uso». Neste senso, incidiu en que, nas diferentes etapas educativas de primaria, secundaria e bacharelato, estanse rexistrando puntuacións similares entre as materias de lingua castelá e lingua galega, «amosando unha total destreza nas dúas». Ademais, subliñou que os datos ofrecidos polo Instituto Galego de Estatística tamén reflicten que practicamente o 100 % da poboación sabe ler, escribir ou falar en galego.

Por outra banda, lembrou que a Enquisa sobre a percepción social do galego elaborada polo Instituto Sondaxe recolle que, en xeral, as familias están satisfeitas ou moi satisfeitas co uso do galego no sistema educativo e que a maioría das consultadas —1.200 con fillos e fillas en primaria e secundaria— rexeitan cambios nas porcentaxes do uso do galego no ensino. «Só un 1 % apostan pola inmersión lingüística», remarcou o responsable de Cultura, Lingua e Xuventude do Goberno galego.

Centros voluntarios participantes

Neste curso, o programa 21 días co galego e + , impulsado en colaboración coa Consellería de Educación, Ciencias, Universidade e Formación Profesional, desenvolveuse nos colexios Francisco Vales Villamarín (Betanzos), Emilio González López (Cambre) e o La Grande Obra de Atocha (A Coruña), na provincia da Coruña; no Albeiros e no Illa Verde en Lugo; no Julio Gurriarán (O Barco de Valdeorras) e no Manuel Respino (A Rúa), na provincia de Ourense, e no centro do Carballal (Marín), no de Sequelo (Marín) e no Manuel Cordo Boullosa (Ponte Caldelas), da provincia de Pontevedra. 

Esta iniciativa de dinamización lingüística naceu para estimular o uso do galego no alumnado e perfeccionalo dentro e fóra das aulas. Ten a súa orixe nunha experiencia que se puxo en marcha no 2013 no Instituto da Pobra do Caramiñal, da man da profesora Pilar Ponte, e que mesmo chegou a recibir no 2015 un premio de innovación en dinamización lingüística, no 2016 un recoñecemento da Real Academia Galega e no 2019 o Premio da Cultura Galega na categoría de Lingua. Desde o ano 2019 foi asumido pola secretaría xeral da Lingua e a el adhírense os centros educativos de xeito voluntario.