
O ano de homenaxe abre unha batalla entre un PP que apela ao patrimonio común do seu legado e un BNG que o acusa de tapar o seu perfil nacionalista
23 mar 2025 . Actualizado a las 05:00 h.O Ano Castelao, oficialmente declarado pola Xunta, abriu un novo episodio da xa larga controversia desatada sobre a lexitimidade para reivindicar o seu legado. Unha vella disputa que tivo na translación dos seus restos, en 1984, un desenlace vergoñento, coa oficialidade da Xunta de Albor recibindo o féretro, mentres a policía cargaba en Bonaval contra os manifestantes, a maioría nacionalistas, que consideraban aquilo unha usurpación. Catro decenios despois, o agora homenaxeado descansa no Panteón de Galegos Ilustres, alleo a un ruído que non cesa no medio da gran pregunta. A quen pertence Castelao?
Un interrogante que nos conduce incluso á historia ficción, a unha cabriola temporal, porque a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, chegou a dicir recentemente que se Castelao vivise non votaría BNG. Algo difícil de saber, pero analizando o legado que deixa a súa obra, e postos a imaxinar, tampouco parece moi probable que o fixese polo PP. Esta é unha mostra máis da batalla política que libran a primeira e a segunda forza de Galicia en torno á figura de Castelao, en pleno ano de conmemoración do intelectual.
«Para o PPdeG non existe dúbida ningunha de que a figura de Castelao pertence ao pobo galego no seu conxunto, e os intentos duns poucos por refusalo, ou doutros por apropiarse del, minusvaloran a figura deste rianxeiro universal», asegura Alberto Pazos, portavoz dos populares na Cámara galega.
Pensamento político
O Bloque tamén coincide en que Castelao é patrimonio de todo o pobo galego e lembra que levou unha iniciativa ao Parlamento (rexeitada polo PP) para que o intelectual fose recoñecido como o primeiro presidente de Galicia no exilio. Sen embargo, o nacionalismo galego decidiu contraprogramar a Xunta, ao entender que, por interese político, esta presenta un relato que oculta deliberadamente aspectos substanciais da ideoloxía do intelectual. «Estamos a desenvolver unha campaña para poñer en valor o pensamento de Castelao como pai do nacionalismo galego, reivindicando a súa figura sen manipulacións nin deturpacións interesadas. Honramos ao Castelao real: o intelectual comprometido coa soberanía galega, fronte a un PP empeñado en reducir a Castelao a unha imaxe folclórica», explica Lucía López, secretaria de Organización do BNG.
En medio da controversia política, desde a distancia, os historiadores volven a vista atrás para entender o presente. «Castelao converteuse na Transición nun elemento lexitimador de calquera posición política democrática», recorda Lourenzo Fernández Prieto, catedrático de Historia Contemporánea da USC. Este investigador sostén que todas as posturas son lexítimas mentres non se deturpe a súa figura. «Pódese reivindicar o Castelao federalista, galeguista, autodeterminista», matiza o historiador, quen insiste en que o presente sempre redefine o pasado. «Salvo dende a extrema dereita ou o franquismo, o resto teñen elementos para lembralo: que sexa reivindicado por todos di algo moi bo dunha figura incontrovertible», sostén Fernández Prieto.
En Galicia, tamén o PSdeG apela á memoria de Castelao para poñer en valor os seus principios políticos. «Castelao é o adaíl da defensa da xustiza, en termos xerais, para Galicia. E as súas achegas están vinculadas a tres eidos fundamentais: social, político e económico. A través do seu pensamento queda establecido que as galegas e os galegos só acadarán o progreso social e individual a través da defensa da liberdade», explica a deputada socialista Silvia Longueira.
A figura poliédrica de Castelao, o seu perfil polifacético, o seu labor como escritor, artista e activista republicano no exilio, convérteno nun símbolo que forma parte indiscutible do patrimonio de Galicia, pero outro asunto máis complexo é a reivindicación do seu legado político, da súa ideoloxía e de como esta se adecúa aos principios que defenden agora as forzas con representación parlamentaria. Porén, esta tampouco é tarefa fácil, porque mentres o BNG apela ao seu nacionalismo, o PPdeG lembra «o seu labor impagable por Galicia, acelerando o proceso autonómico ao permitirnos como nacionalidade histórica acollernos ao réxime especial previsto na Constitución Española».
Desde a Fundación Castelao, o seu presidente, Miguel Anxo Seixas, sostén que a figura do intelectual é un símbolo que nos pode unir a todos e recorda que o feito de que se fale tanto do artista e político evidencia que «non nos é indiferente».
Comunista confeso, e expresidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero —quen tamén se opuxo no seu día a como chegaron os restos de Castelao a Galicia— fai una interpretación de Castelao que nin coincide coa oficial nin ten que ver coa nacionalista. Ao seu xuízo, para non ofrecer unha versión caricaturesca, hai varios aspectos relevantes. «Primeiro, hai que entender a súa figura como un republicano, se non estase deturpando a súa imaxe; segundo, sen ser comunista nin socialista, sempre tivo unha actitude cara as clases desfavorecidas; terceiro, no contexto da Guerra Civil diríxese aos comunistas para que entendan aos galeguistas», recorda Montero, quen parafrasea unha frase de Castelao ao seu regreso da Unión Soviética. «Alí estase xerando unha nova vida que ha ser o molde dos demais pobos do mundo».