A Xunta convoca seis bolsas de formación para ensinar galego en universidades de España e do estranxeiro

La Voz REDACCIÓN

GALICIA

Universitarios galegos ao comezo do curso académico, nunha imaxe de arquivo.
Universitarios galegos ao comezo do curso académico, nunha imaxe de arquivo. ANGEL MANSO

O programa de formación ao que accederán os bolseiros terá unha duración de tres anos e levarase a cabo en centros de España, Portugal, O Brasil e Croacia

21 abr 2025 . Actualizado a las 18:00 h.

A Xunta deu este luns luz verde á convocatoria de seis bolsas de formación nos leitorados de lingua, literatura e cultura galegas en distintas universidades de España e do estranxeiro. O obxectivo é, segundo apunta a Consellería nun comunicado, promover e divulgar a lingua galega fóra de Galicia e apoiar laboralmente os profesionais que se dediquen á docencia.

Segundo o avanzado este luns tralo Consello celebrado polo Goberno galego, o programa de formación terá un marcado carácter práctico e durará tres anos. Estará integrado por actividades relacionadas coa docencia, a programación e organización de tarefas, a investigación, a difusión e a promoción da lingua, a literatura e a cultura galegas.

As persoas adxudicatarias desenvolverán estas actividades no marco do convenio asinado coas universidades de destino. Nesta convocatoria son seis. A Universidade Autónoma de Barcelona, a Universitade de Barcelona, a Universidad de Granada, en España; a Universidade do Algarve, en Portugal; a Universidade do Estado do Río de Xaneiro, no Brasil, e a Universidade de Zadar, en Croacia.

Poderán participar as persoas que estean en posesión dalgunhas das titulacións de filoloxía galega e filoloxía románica, os graos en Lingua e Literatura Galegas, Estudos de Galego e Español, Ciencias da Linguaxe e Estudos Literarios, Filoloxía Aplicada Galega e Española e estudos Lingüísticos e Literarios en Galego e Portugués.

Tamén se poderá presentar quen estea en posesión dalgunha das titulacións da área de Humanidades ou da área de Ciencias Sociais e Xurídicas ou os leitores que, antes de rematar o período máximo de estadía, se visen obrigados a cesar por causas alleas á súa vontade, sempre que esta circunstancia non derive na resolución dun procedemento de tipo disciplinario.

A convocatoria destas bolsas de formación enmárcase, segundo indican no comunicado achegado pola Xunta, no compromiso da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude por difundir a lingua e literatura galegas no mundo a través de diferentes convenios fomentando a docencia en galego. 

Deste xeito, o Goberno autonómico promove unha oportunidade para que os profesionais da docencia se incorporen aos centros de estudos galegos e se poidan situar nunha mellor posición cara a unha futura inserción laboral. O programa complétase con actividades teórico-prácticas deseñadas pola Secretaría Xeral da Lingua para o colectivo de leitores de lingua e, con base nos convenios subscritos, facilítase a posibilidade de realizar ou completar estudos de posgrao nas diferentes universidades.