No ano Castelao, os artistas Pruden e Lúa escolleron ao célebre escritor e ilustrador como protagonista do cartel, que tamén inclúe unha pancarta de «Altri non»
12 jul 2025 . Actualizado a las 16:40 h.Baixo o lema «Galiza sempre, unha nación en marcha pola súa soberanía», o BNG organizará preto dun cento de actos públicos polo Día da Patria, así como repartos informativos, ruadas e un amplo abano de actividades que concluirán, como xa é tradición, na grande manifestación polas rúas de Santiago o 25 de xullo. Así o anunciaron onte na capital galega a secretaria xeral de organización do partido, Lucía López, e a responsable de comunicación, Olalla Rodil. Ambas convidaron á participación masiva do conxunto dos galegos na mobilización do 25, para «celebrar o orgullo de selo, máis tamén para reivindicar a construción dun futuro mellor» para Galicia.
López recordou, nese sentido, que o Día da Patria «é mais que unha data simbólica no calendario», é «a expresión da vontade do pobo galego de avanzar cara a un marco político no que Galiza poida exercer plenamente os seus dereitos». Un marco, recalcou, que permita aos habitantes da comunidade «aplicar políticas propias, decididas integramente dende aquí», xestionar os seus recursos e construír «un país mellor».
No ano Castelao, e baixo un lema que homenaxea e recolle o seu legado, apuntou Rodil, o Bloque quere reivindicar a súa figura e o seu pensamento como guieiro na defensa dos dereitos do pobo galego. «Como Castelao, hoxe dende o BNG defendemos unha Galiza soberana, dona de si mesma, que poida decidir o seu futuro sen máis límite que a propia vontade do pobo galego», sintetizou. Nesta liña, a secretaria de organización explicou que a campaña «ampla e participativa» que vai intensificar o Bloque até o 25 de xullo, coa implicación da súa militancia, sitúase nun contexto de deterioro social e económico marcado pola perda de poboación, a precariedade da vida e a «agresión constante aos recursos naturais e ao territorio».
«Un modelo imposto polo PP na Xunta, que actúa como axente comercial das grandes multinacionais, entregando o país a intereses alleos», advertiu López, que sinalou o espolio eólico, a «ameaza» da macrocelulosa de Altri ou a posible reapertura da mina de Touro-O Pino como exemplos «dunha política ao servizo do negocio duns poucos» e en contra dos intereses dos galegos.
Por iso, explicou, o BNG reclama un novo marco político para Galicia que lle dea «capacidade real para decidir sobre os seus recursos enerxéticos, produtivos e económicos». «Queremos que o noso país poida decidir sobre a súa riqueza e poñer esta riqueza ao servizos do noso pobo. Queremos soberanía, como reza o lema desta campaña», indicou. Soberanía, dixo, para construír servizos públicos fortes, garantir unha vivenda digna, os coidados como un dereito e non como un negocio, igualdade real entre homes e mulleres e «para facer que o galego, a lingua propia, estea viva e plenamente normalizada».
Tamén por Palestina
Nun contexto internacional «no que o clamor pola xustiza e pola paz resoa con forza», López apuntou tamén ao Día da Patria como unha data para defender causas como a palestina. «Dende Galiza nin podemos nin queremos calar diante do que está a acontecer na Palestina e denunciamos con firmeza o xenocidio que está a perpetrar o Estado de Israel, coa complicidade da Unión Europea e dos Estados Unidos», defendeu. Nese sentido, reafirmou o carácter «pacifista, antiimperialista e antimilitarista» do BNG nuns «tempos de regresión» onde «medran os discursos de odio, o autoritarismo e a escalada belicista». «Por iso o Día da Patria Galega é moito máis ca unha manifestación. É un gran exercicio de mobilización que encherá as rúas de Compostela no que conflúen todas esas loitas, a defensa da terra, dos dereitos sociais, da lingua galega, do feminismo, da diversidade, da paz e da soberanía», resumiu.
A responsable de comunicación afondou pola súa parte na imaxe da campaña, para a que, como é habitual, o Bloque apostou polo talento dos creadores galegos. Este ano foron Pruden e Lúa quen deron vida a un cartel no que Castelao ocupa un lugar central, tanto no lema como na liña gráfica.
Rodil quixo recordar que Castelao era «un nacionalista galego». Considerou preciso lembralo nuns tempos nos que hai quen quere —especialmente o PP, dixo—, «desposuílo de toda a súa carga ideolóxica, quitarlle o que facía a Castelao ser o que era, a súa ideoloxía e o proxecto político nacionalista». E se hai unha causa que simboliza perfectamente a dobre loita de Castelao e do BNG hoxe é a pugna pola «defensa do territorio fronte ao espolio e á rapiña», engadiu, en referencia á pancarta de «Altri non» ilustrada na imaxe da campaña.