A Xunta recollerá propostas para actualizar o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega a través dun formulario na web 

La Voz REDACCIÓN

GALICIA

Encontro do conselleiro de Lingua, José López Campos, cos presidentes das comisións do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, este luns na Cidade da Cultura de Santiago
Encontro do conselleiro de Lingua, José López Campos, cos presidentes das comisións do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, este luns na Cidade da Cultura de Santiago XOÁN REY | EFE

Estará dispoñible a partir de mañá no Portal da Lingua 

21 jul 2025 . Actualizado a las 18:31 h.

A actualización do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega entra na súa segunda fase, na que a Xunta abre o proceso á cidadanía habilitando un formulario web para recoller as achegas de todas aquelas persoas que queiran participar. Segundo anunciou o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, estará dispoñible a partir de mañá no Portal da Lingua

Durante tres meses, calquera persoa poderá enviar, a nivel individual ou colectivo, a súa proposta a través dunha caixa virtual. «Con esta medida, cumprimos coa folla de ruta prevista desde o inicio, cando xa avanzamos a nosa vontade de escoita e clara intención participativa, implicando non só aos grupos políticos, tamén aos axentes sociais e á poboación en xeral», afirmou López Campos, que lembrou que seguen tendo a man tendida para que a as formacións políticas participen neste proceso. «É importante, estannos a pedir que deamos un paso ao fronte, que nos poñamos de acordo», dixo. 

Acompañado polo secretario xeral da Lingua, Valentín García, o conselleiro reuniuse esta tarde cos responsables dos once grupos de traballo formados para levar a cabo o proceso de renovación do plan, que lle entregaron ao coordinador da súa actualización, o académico Manuel González, a primeira documentación obtida tras preto de 250 contactos con institucións, asociacións, colectivos e persoas individuais de relevancia nas distintas áreas temáticas nas que se estruturou un proceso iniciado en decembro.

López Campos agradeceu «a dedicación e esforzo dos expertos que conforman cada un dos bloques na recollida e análise das achegas para que o coordinador conte hoxe coas primeiras conclusións», insistindo en que se está a seguir o calendario establecido. 

Con esta primeira fase, subliña o conselleiro que conclúe un percorrido iniciado hai un ano, con contactos coas distintas formacións políticas con representación no Parlamento de Galicia e que continuou coas conversas por parte dos membros das comisións coas principais institucións culturais galegas, como a Real Academia Galega da Lingua ou o Consello da Cultura Galega, entre outras, así como con outros entes como a Nova Escola Galega, a Coordinadora de Traballadores de Normalización da Lingua ou as fundacións de Rosalía de Castro, Curros Enríquez e Uxío Novoneyra.