
Os populares defenden que a lingua debe estar presente no mundo dixital, pero a proposición non de lei non foi aprobada ao non aceptarse a votación por puntos que demandaban
26 sep 2025 . Actualizado a las 15:28 h.Este venres os nacionalistas e socialistas galegos instaron á Xunta a impulsar estratexias para promover a produción de contidos en galego nos medios dixitais, así como o uso da lingua propia de Galicia nas plataformas de internet e as redes sociais.
A Comisión de Educación e Cultura do Parlamento galego debateu unha proposición non de lei do BNG na que se pedía, entre outras cuestións, que a Xunta garantise o dereito a dispoñer da opción da lingua galega en plataformas sociais como TikTok, Instagram, X ou Twitch. Os populares mostráronse de acordo con promover o uso dixital do galego, pero pediron a votación por puntos da proposición non de lei, xa que segundo explicou o seu deputado José Luis Ferro Iglesias, «a Xunta non pode garantir que unhas empresas privadas dispoñan dos seus servizos nunha ou noutra lingua», aínda que si «pode dirixirse ás mesmas para instalas a que o leven a cabo».
Ferro subliñou que esa é unha negociación que lle corresponde máis á Comisión Europea ou ao Goberno central e asegurou que o galego debe estar presente nas redes e no mundo dixital. «O galego é un idioma vivo con futuro que segue crecendo en moitos ámbitos, incluído o dixital», afirmou, destacando que Galicia é a comunidade que máis emprega a lingua propia e que neste ano a Xunta incrementou o presuposto dedicado á promoción da lingua.
Finalmente, a votación por puntos non foi aceptada na Comisión e a proposición non foi aprobada.
O deputado do BNG Daniel Castro criticou que a Xunta non negociara coas grandes empresas estadounidenses para «darlle o dereito á xente de poder empregar o galego nas redes sociais», á diferenza doutros executivos autonómicos como o catalán, que «sempre o tivo claro e negociou en Silicon Valley con esas compañías».
Polo grupo socialista, Aitor Bouza dixo que o galego «non pode quedar fóra do mundo dixital», pero advertiu que o problema é que «a Xunta fala do galego con moita boca, pero con moi pouco compromiso real», gobernando como se a lingua «fose un adorno, non un dereito».
A proposición non de lei nacionalista tamén instaba á Xunta a convocar liñas de financiamento vinculadas á formación e ao desenvolvemento técnico para a creación de contidos dixitais en galego. Amais, emprazaba ao Goberno autonómico a reforzar a visibilidade dos creadores dixitais en lingua galega a través dos medios de comunicación públicos, co obxectivo de crear referentes propios para a sociedade galega, e a favorecer a dispoñibilidade de subtitulado automático en galego en todas as plataformas dixitais.