O presidente da Fegamp reclámalle á Xunta e ao Goberno que cumpran a lei e financien o 100 % do gasto en dependencia
GALICIA

Política Social responde que o Estado é o único que «non cumpre» e lembra que está negociando cos municipios un aumento das súas aportacións
05 oct 2025 . Actualizado a las 18:31 h.O presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alberto Varela, reclamoulle á Xunta e ao Goberno central que «cumpran a lei» e financien o 100 % do custo que supoñen os servizos de atencion á dependencia. «A realidade é que somos os concellos galegos os que estamos facendo un esforzo maior para que ese servizo saia adiante», sinalou o tamén alcalde de Vilagarcía de Arousa polo PSdeG.
Nunha entrevista na Radio Galega, Varela alertou da «situación moi delicada» que se vive en concellos pequenos, que teñen que destinar a dependencia «un 20 ou un 30 %» malia a contar con orzamentos moi reducidos. «Iso non é sostible no tempo e ademais está a haber dificultades para encontrar traballadores que queiran prestar o servizo», lamentou, lembrando o episodio que se viviu recentemente no Porriño trala morte dunha traballadora do Servizo de Axuda no Fogar (SAF).
Co obxectivo de corrixir esta deficiencia, o presidente da Fegamp anunciou que «están en negociacións» coa Consellería de Política Social, aínda que lamentou que «non avanzamos todo o áxil que nos gustaría». E reclamoulle unha reunión ao ministro de Dereitos Sociais, Pablo Bustinduy. «A xestión corresponderá aos Concellos, por ser a Administración máis próxima; pero temos moi claro que Estado e Xunta se teñen que facer cargo da financiación. O que pedimos é que se cumpra a lei», subliñou.
Alberto Varela puxo cifras ao déficit de financiación e sinalou que, dos 24 ou 25 euros por hora que custa o servizo, os concellos só perciben 12 da Xunta e do Estado: «O copago é dos usuarios e nós [os concellos] poñemos case a metade».
Tamén no plano da financiación, o presidente da Fegamp reclamoulle á Xunta que se incremente o Fondo de Cooperación Local. «Leva dez anos na mesma contía: 112 millóns para 313 concellos», criticou.
A resposta da Xunta
Horas despois da entrevista, a Xunta replicoulle a Varela que o Goberno central é «o único que non cumpre» a lei. Así llo trasladaron a Europa Press fontes da Consellería de Política Social, que denuncia que o Executivo estatal «reduce cada ano a súa aportación en vez de aportar o 50 % do financiamento». «Mentres que no 2023 aportou un 40 %, en 2024 foi só un 34», cifrou o departamento dirixido por Fabiola García, que subliñou que negocia coa Fegamp «un aumento da aportación económica» ao Servizo de Axuda no Fogar (SAF) que prestan os concellos.