«Hai que traballar o venres, así que tocará volver á noite con calma»

Jose G. Santalla LOVAINA

GRADA DE RÍO

CEDIDA

Membros da peña de Bruxelas,  Europa Celta, viaxan a Stuttgart e teñen a vista posta nos outros partidos continentais

25 sep 2025 . Actualizado a las 14:47 h.

Atopámonos no ano 2025. O Celta afronta só a conquista da Europa League. Só? Non! Grupos de seaeiros acompañarán ao conxunto celeste polo continente a base de aeroliñas de baixo custe, maratóns no coche e días de pouco sono para perseguiren un soño: o da gloria europea. A numerosa migración galega por Europa, coas súas peñas celtistas espalladas por varios países, fará que o conxunto de Claudio Giráldez estea como na casa en Alemaña, Croacia, Bulgaria e Serbia.

É o caso de Europa Celta, fundada en Bruxelas neste mesmo ano. Cada partido é a ocasión perfecta para que traballadores nas institucións europeas, estudantes universitarios, xornalistas, demais galegos en Bélxica e mesmo turistas se xunten para animar aos vigueses. Os plans para alentar ao seu equipo comezaron case á vez que Iago Aspas anotaba en Xetafe no mes de maio; comezou así a esperanza de ter ao Celta por Bélxica, Países Baixos ou Lille nuns traxectos que suporían, como moito, un par de horas no tren. Finalmente, os celestes si xogarán contra o conxunto do norte de Francia, pero en Balaídos. «Esperemos que haxa mellores oportunidades para viaxar nas seguintes roldas», desexa Karan, un dos seus impulsores.

Á viaxe a Stuttgart, dunhas seis horas en coche, irán cinco membros do grupo. «Hai xente que ten que traballar de xeito presencial o venres, así que toca volver á noite con calma. Esperamos estar de volta en Bruxelas ás sete da mañá», apuntan os organizadores. Todo, grazas a David, un membro que pon a disposición o seu vehículo persoal. Non terán tempo para ver a cidade alemá, pero este grupo quere aproveitar o seu primeiro seguimento ao equipo para darse a coñecer e aprender dos outros grupos. «Como somos novatos neste eido, queremos facer a nosa rede con outras peñas espalladas por Europa e ver como se organizan para os outros desprazamentos. Estamos á espera de máis información para vernos cos outros e tomar algo antes do partido», sinala Pinto, cabeza visible do proxecto. «Sabemos que hai un grupo en Alemaña, Die Himmelblauen. Esperamos coñecelos!».

Sobre os futuros encontros europeos fóra da casa, os belgalegos teñen os ollos postos en Zagreb, a comezos do mes de novembro. «Os voos son baratos dende Charleroi; ademais, esa viaxe si sería para estar un par de días máis en Croacia e poder vela». Segundo a dispoñibilidade, verán se poden estar nalgún dos outros partidos, pero non é doado. «Ao ser en xoves, hai que pedir un ou dous días libres no traballo. Porén, o noso nome é Europa Celta, así que nos gustaría estar nesta aventura todo o que poidamos».