Consenso en Portugal sobre a primeira grande decisión do Executivo de Montenegro

Brais Suárez
Brais Suárez OPORTO / E. LA VOZ

INTERNACIONAL

Luís Montenegro, en una imagen de archivo
Luís Montenegro, en una imagen de archivo Europa Press / Contacto / Henrique C | EUROPAPRESS

O emprazamento do novo aeroporto de Lisboa en Alcohete tardou máis de 50 anos en ser definitivo

16 may 2024 . Actualizado a las 21:19 h.

Cincuenta anos e nove opcións distintas fixeron falla para que Portugal tomara a decisión máis importante da súa democracia en materia de infraestruturas: o novo aeroporto de Lisboa situarase en Alcochete, na marxe leste do Texo; a nova terminal, conectada coa alta velocidade ferroviaria, será un eixo intermodal para artellar as comunicacións nacionais e internacionais.

Trátase da primeira decisión de grande calado do novo Goberno. O primeiro ministro conservador, Luís Montenegro, prometera en campaña que non se demoraría, e así foi: apenas un mes despois da súa toma de posesión, adoptou as recomendacións da Comisión Técnica Independente que fora nomeada conxuntamente, hai máis dun ano, polo Goberno de António Costa e o principal partido da oposición, o PSD, xa baixo o mando de Montenegro.

As reaccións foron inmediatas, comezando polo sucesor de Costa á fronte do PS, Pedro Nuno Santos: «Un futuro Goberno socialista nunca porá en dúbida esta solución, que é a correcta. Nunca tiven dúbidas de que Alcochete era a mellor», dixo Santos, que tamén lembrou que el mesmo adoptara a mesma decisión no 2022, cando era ministro de Infraestruturas. Porén, António Costa obrigárao a rectificar.

Máis acedo foi o ex primeiro ministro socialista José Sócrates, que tamén reivindicou a súa postura a favor de Alcochete hai 16 anos: «O Goberno fixo en 30 días o que o anterior Goberno non foi quen de facer en oito anos», criticou ao seu partido. Tamén puxo en evidencia á dereita: «O que antes eran obras faraónicas e desperdicio de recursos públicos pasou agora a ser infraestruturas absolutamente prioritarias para o desenvolvemento».

Pola súa banda, André Ventura, do ultradereitista Chega, avalou a decisión, pero concentrouse nas sospeitas sobre posibles intereses privados da Comisión Técnica e esixiu ao Goberno un calendario de obras. Só o PAN foi contrario á opción de Alcochete polo grande impacto ambiental que se prevé.

A principal opositora da opción de Alcochete era a ANA, a operadora dos aeroportos con concesión até o 2062. Pero, trala decisión do Goberno, emitiu un comunicado no que amosa a súa vontade de avanzar cunha expansión do actual aeroporto e comezar as obras do xa bautizado Luís de Camões.