Acertar cos Reis Magos

> Ana T. Jack anatjack@edu.xunta.es

LA VOZ DE LA ESCUELA

SIMÓN BALVÍS

Como axudar aos nenos a facer unha boa elección de xoguetes

04 dic 2013 . Actualizado a las 12:50 h.

Noelia e Ana, dúas irmás de 5 e 7 anos de idade, levan máis dunha hora pechadas no seu cuarto. A través da porta óense exclamacións do tipo «¡Pídomo!» ou «¡Para min!» entre risos e comentarios excitados. Están tombadas sobre a cama mentres, rotulador en man, van marcando o catálogo de xoguetes deste ano. Noelia xa se pediu un boneco con bañeira, unha caixa rexistradora, un castelo de princesas, unha iogureira, o proxector de Peppa Pig, o Tragabolas, o hospital de Barriguitas e os cachorros Ñam Ñam. Ana, pola súa banda, pídese a Supercaravana de Barbie, Frutilandia, a granxa de Playmovil, unha Monster High (a Spectra) e un Furby. Ah, e unha tablet.

Os seus pais, sentados no cuarto da beira, non saben que pensar. O pai di: «Son unhas nenas, non lles imos a estragar a ilusión. O que elas pidan, iso mesmo traeralles os Reis Magos». A nai reflexiona: «Ilusión, si, pero non me gustaría que Noelia siga pedindo Barriguitas. ¡Ten unha colección de 15! Nin que Ana siga veña e dálle coas Monster High; creo que xa non lle falta ningunha. En cambio, viríalles fenomenal un equipo completo para saír ao campo a gozar da natureza».

¿ Débese deixar aos nenos que pidan os seus agasallos só da súa libre elección? O sentido común indica claramente que non, que non é bo nin necesario permitir que os nenos se sentan con total liberdade para escoller un número indefinido de xoguetes que se lles presenta en forma de folleto de calquera empresa. É unha oferta demasiado interesada (o que quere vender un centro comercial determinado), restrinxida (destacan personaxes da televisión ou marcas con maior publicidade, pero non necesariamente de mellor calidade) e limitada (non adoita haber contos, nin xoguetes artesanais, por exemplo). E aínda que non cabe dúbida de que, nos nosos días, estes pequenos catálogos poden facilitar en gran medida o labor de Papá Noel e dos Reis Magos, a elección debe facerse atendendo a outros criterios.

Os xoguetes serven, sobre todo, para pasalo ben. Pero ademais diso, a través do xogo e os xoguetes, os nosos fillos estimulan e desenvolven as súas capacidades intelectuais, emocionais e sociais. En concreto:

1. A creatividade e a imaxinación, cando se inventan xogos ou historias a partir dun disfrace de pirata, uns bonecos ou uns cocheciños de carreiras.

2. O autocontrol e a resistencia á frustración cando non lles queda máis remedio que respectar as quendas, gañar con elegancia ou perder sen enfadarse ao parchís, ás cartas ou ao Scrabble.

3. A memoria, o razoamento e a atención, cando participan en xogos de regras, como o xadrez, as damas ou o quen é quen.

4. A perseveranza e a paciencia cando deben esforzarse para acabar unha construción ou completar un puzle.

5. As habilidades motoras finas e de coordinación óculo-manual cando pintan, modelan plastilina ou ensartan contas.

6. A comprensión do mundo cando representan outros roles (médicos, papás e mamás, bombeiros, profesores...).

7. O desenvolvemento da linguaxe cando comparten as súas fantasías e expresan desexos e emocións a través dos seus personaxes.

8. O cálculo e os conceptos numéricos cando xogan á brisca, á oca ou aos dados.

9. A capacidade espacial cando realizan xogos de construcións, ensamblaxe ou puzles.

10. As habilidades sociais cando ven obrigados a acatar as regras do xogo, a enfrontarse as diferentes personalidades dos seus compañeiros e a resolver os seus conflitos interpersoais do mellor xeito posible.

Ter en conta o potencial educativo dos xoguetes é, en definitiva, un criterio importante á hora de seleccionar os máis interesantes do catálogo. Sen esquecer, iso si, que un xoguete sempre debe servir... para xogar.