¡Aínda non está todo perdido!

> Ana T. Jack

LA VOZ DE LA ESCUELA

Sempre hai estudantes que remontan nos últimos meses do curso
Sempre hai estudantes que remontan nos últimos meses do curso woodley wonderworks

Claves para remontar o curso na última avaliación

05 abr 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A Patricia non lle fai falta esperar á entrega de notas deste venres para ter claro que a segunda avaliación foi un desastre total. Sabe que vai suspender entre seis e sete materias (o profe de Lingua Castelá díxolle que estaba a pensar a súa nota), máis ou menos igual que no primeiro trimestre. O peor de todo é que non ten unha razón clara que explique tan malas cualificacións: é verdade que podía ter dedicado máis horas aos estudos, pero xa se empeza a cuestionarse se é porque non quere ou porque non pode. Ela xura aos seus pais que polo menos en Matemáticas e Física traballou unha chea… E ademais todos os días acode a unha clase particular que non lles sae barata, precisamente.

A estas alturas do curso os profesores poderían facer unha porra máis ou menos fiable dos que van pasar de curso e os que terán que repetir. Pero tamén é certo que sempre hai unha porcentaxe de estudantes que adoitan dan a sorpresa e remontar nos últimos meses, para admiración e alivio de familias e docentes. En todo caso, non hai tempo que perder. No caso de Patricia, a estudante do exemplo, debería empezar por:

  • Acondicionarse un lugar de estudo adecuado, cómodo e illado de ruídos.
  • Conseguir os apuntamentos, mapas, láminas e resto de material imprescindible para aprobar e que, pola razón que sexa, non ten.
  • Elaborar un plan de estudo para abril, maio e xuño (ou incluso que xa contemple as materias que lle van quedar para setembro), que inclúa as datas dos exames e entregas de traballos.
  • Quedar con esa amiga ou amigo ao que se lle dan moi ben as matemáticas ou as linguas para que lle axude a entender a materia.
  • Acudir a clase puntualmente, mostrando gran interese por todas as materias e pola forma de recuperar as anteriores avaliacións.
  • Estudar polo menos cinco días á semana varias horas diarias.

En canto aos seus pais, se queren axudarlle a repescar o curso, deberían:

  • Manter unha conversación tranquila con ela acerca dos motivos dos suspensos. Nesta análise hai que atopar causas internas e controlables como a falta de estudo, a falta de organización ou dificultades cunha materia en concreto. Non hai que perder o tempo achacando os resultados a causas externas como a mala sorte ou a suposta teima que lle teñen todos os profesores.
  • Solicitar unha cita co titor para pór en marcha actuacións desde o centro escolar e desde a familia. Nesa entrevista, polo menos durante un intre, o alumno debería estar presente.
  • Levar a cabo os acordos tomados: seguimento do plan de estudo, solicitar cita co especialista (orientador, psicólogo clínico, logopeda...) ou buscar clases particulares.
  • No caso de que a situación de fracaso escolar sexa practicamente imposible de reverter, é tamén o momento de valorar outras alternativas (programas de mellora da aprendizaxe e do rendemento (PMAR), educación de adultos...).

¡Oxalá non sexa demasiado tarde!

Na procura dun camiño

Cando un estudante fracasa está claro que algo falla. Pero as causas poden ser múltiples, do mesmo xeito que as súas posibles solucións. Por iso, antes de deseñar un plan de intervención, é importante definir unas cantas variables. Talvez a súa abordaxe implique pedir colaboración ao titor, ao equipo docente, ao departamento de orientación ou mesmo a servizos externos. Este cadro resume algunhas posibilidades:

 

CAUSA: «QUERE PERO NON PODE»

INDICADORES:

 Aptitudes e capacidades intelectuais limitadas.

 Baixo cociente intelectual.

 Dificultades en determinadas áreas: linguaxe, matemáticas, inglés...

 POSIBLES SOLUCIÓNS:

 Medidas de atención á diversidade (reforzo, adaptación curricular, programa de mellora…).

 Apoio escolar.

 Clases particulares.

  

CAUSA: «PODE PERO NON QUERE»

INDICADORES:

Falta de interese.

Aburrimento ante o estudo.

Falta de compromiso e esforzo coas tarefas escolares.

Rexeitamento aos estudos.

Sentimentos de desánimo e apatía.

POSIBLES SOLUCIÓNS:

Diagnóstico específico que verifique ou revele causas máis profundas.

Definir se a desmotivación é xeral ou só ante determinadas materias.

Comprobar se o mal rendemento é causado pola desmotivación ou viceversa.

 

CAUSA: «TEN DIFICULTADES ESPECÍFICAS DE APRENDIZAXE»

INDICADORES:

Dislexia, disgrafía, discalculia...

Dificultade coa aprendizaxe de idiomas...

POSIBLES SOLUCIÓNS:

Diagnóstico específico.

Programa de tratamento específico.

 

CAUSA: «TEN LAGOAS»

INDICADORES:

Lagoas de aprendizaxe das diversas materias (matemáticas, lingua, inglés...).

Falta de base cultural ou escolar.

POSIBLES SOLUCIONES:

Apoio escolar.

Axuda de profesor particular.

Grupos reducidos.

Repetición de curso.

 

CAUSA: «ORGANÍZASE FATAL»

INDICADORES:

Ausencia de técnicas eficaces de estudo.

Desorde na planificación do traballo, horarios inapropriados, estudo irregular, absentismo escolar...

 

POSIBLES SOLUCIÓNS:

Ensinarlle a estudar e a organizarse: elaboración de horarios, lectura comprensiva, esquemas, resumos, repasos, estratexias para enfrontarse aos exames...

 

Escuela de padres

? TEMA DEL MES: Planificar a terceira avaliación.

 

? ETAPA: Educación obrigatoria.

 

? A FRASE: «Todo parece imposible ata que se consegue» (Nelson Mandela).

 

? COMPORTAMENTOS QUE EVITAR: Permitir que o teu fillo non faga nada no que queda de curso porque pensa que xa o ten perdido.

 

? ALGUNHAS CLAVES: Deseñar un plan de actuación de aquí a final de curso (incluído setembro, se for necesario).

 

? PARA SABER MÁIS: «100 consejos para aprobar con nota», da web Yaq.es, descargable desde: http://yaq.es/reportajes/100-consejos-aprobar-nota