Remate de curso, comeza a festa

LA VOZ DE LA ESCUELA

Os inchables foron os grandes acaparadores de público na vixésimo primeira festa de fin de curso de Voz Natura, que reuniu no parque de Acea de Ama (O Burgo, A Coruña) a milleiros de nenos
Os inchables foron os grandes acaparadores de público na vixésimo primeira festa de fin de curso de Voz Natura, que reuniu no parque de Acea de Ama (O Burgo, A Coruña) a milleiros de nenos Marcos Míguez

A festa de Voz Natura, que este ano acadou a súa vixésimo primeira edición, é para moitos nenos o inicio do verán

06 jun 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Este reporteiro esqueceu a calculadora para facer a estatística, pero se se lle permite falar polas súas impresións subxectivas, dirá que, sen dúbida, os inchables son os favoritos dos cativos que se achegaron ao parque de Acea de Ama (no Burgo, A Coruña) o pasado sábado para comezar a celebrar que o curso xa está chegando ao seu remate. E isto xa empeza a ser unha tradición na festa de Voz Natura, malia que este ano a explanada superior, cos bombeiros, a Garda Civil (e os seus cans, lanchas e motos), o Exército, Emerxencias e outros corpos de seguridade case lles rouba o protagonismo. Claro! É cun helicóptero aterrando no medio da festa, calquera.

Os talleres de prensa, ilustración, radio e televisión son un dos atractivos que os nenos non deixan de visitar durante toda a xornada. Algún, se non escoitei mal, xa era o oitavo ano que pasaba polo de prensa. Eses son os veteranos. Quen se estrean chegaban, en cambio, con aceno de medo, pero cando vían a súa foto na primeira páxina do xornal, os sorrisos eran unha inmensa recompensa.