Todo un curso para ir de Museos (Científicos)

Marcos Pérez Maldonado, Fran Armesto

LA VOZ DE LA ESCUELA

xposición «A astronomía como cha contan» na Casa das Ciencias
xposición «A astronomía como cha contan» na Casa das Ciencias MC2

A Casa das Ciencias, a Domus e o Aquarium Finisterrae invitan a participar nas ciencias

24 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Granxas-escola, fábricas, museos de arte e periódicos como La Voz de Galicia acollen cada ano a visita de miles de alumnos que buscan nestas saídas conectar o que aprenden nas aulas co mundo real. Estas excursións amplían horizontes, descobren a complexidade da sociedade en que vivimos e, moitas veces, achegan a primeira faísca de futuras vocacións profesionais. Nesa clave, os Museos Científicos Coruñeses propoñen cada ano unha infinidade de contidos e actividades pensados para achegar a ciencia a escolares de todos os niveis. As exposicións da Casa das Ciencias, a Domus e o Aquarium Finisterrae ofrecen a posibilidade de achegarse de forma participativa á bioloxía, a física, a tecnoloxía ou as matemáticas, sen perder de vista que todas estas disciplinas só adquiren o seu verdadeiro significado cando se integran co resto das manifestacións da cultura humana, incluíndo a música, a literatura, a arte ou a gastronomía.

Casa das ciencias

O máis pequeno dos museos de ciencia coruñeses é tamén o único que che pode achegar ás estrelas. O seu planetario segue espertando a admiración e a ilusión de todo tipo de públicos, e este curso incorpora novos programas, como unha produción sobre planetas extrasolares ou o recentemente estreado A noite é necesaria. Na antesala do planetario, a exposición A astronomía como cha contan invita a reflexionar sobre a forma en que aprendemos sobre astronomía e exploración espacial a través dos medios de comunicación e as obras de ficción. Entre a súa fascinante colección de pezas destacan meteoritos, un fósil de dinosauro, restos dunha nave espacial soviética caídos en España hai medio século ou un fragmento dos paneis solares do telescopio espacial Hubble.

O resto do museo está ocupado por dúas salas de xogos interactivos que porán a proba as túas habilidades como científico, porque neste centro as preguntas son só o punto de partida para as investigacións dos seus visitantes. Hai unha sala dedicada aos péndulos, cos que facer música, randear ou sentir no teu corpo as propiedades dos sistemas caóticos. E outra denominada Exploratorium con módulos interactivos que permiten a manipulación directa de fenómenos relacionados coa luz, as ondas sonoras, a tensión superficial, o rozamento, o movemento circular ou as forzas magnéticas.

Domus

Situado na beira máis luminosa da baía coruñesa, este museo alberga distintas exposicións que nos permiten comprender as múltiples dimensións do ser humano. A máis recente é Xogo de neuronas, unha mostra interactiva sobre a intelixencia humana na que poderás pór a proba as túas capacidades lóxicas, motoras ou artísticas. O espazo maker@domus permitirache experimentar o pracer de facer cousas e crear tecnoloxía con materiais sinxelos e moita imaxinación, proporcionando unha oportunidade única para aprender a «pensar coas mans». No Laboratorio Aberto os escolares poñen a bata branca e as lentes de seguridade para desenvolver investigacións que teñen que ver coa vacina do VIH, completar unha transformación bacteriana, participar na síntese dun novo fármaco contra o párkinson, explorar a ciencia que esconde a cociña ou descubrir os materiais, técnicas e temas que fascinaron aos artistas da prehistoria.

Aquarium Finisterrae

Galicia ten neste centro, situado aos pés da torre de Hércules, unha privilexiada trapela desde a que podemos acceder aos segredos dos nosos fondos mariños. Moitos dos seus acuarios, como o gran tanque cilíndrico da sala Maremagnum, renóvanse durante o curso para mostrar aspectos pouco coñecidos da bioloxía dos animais que viven na costa galega. Os exteriores, xunto a espectaculares vistas da paisaxe, permiten gozar das focas que viven na gran piscina intermareal ou do xardín botánico, no que se pode aprender a recoñecer as principais plantas que crecen nas nosas costas. A sala Isabel Castelo renovarase este curso con dúas novas exposicións de fotografías de natureza, mentres que a sala Nautilus che ofrece a oportunidade de mergullarte no océano a bordo do submarino do capitán Nemo, sen dúbida a experiencia máis emocionante e evocadora que ofrece o acuario coruñés.

A oferta de actividades inclúe visitas guiadas para os máis pequenos e talleres experimentais na Charca das Caricias. Ademais, coincidindo coa alimentación das focas, o persoal do acuario contarache cousas sobre as características destes mamíferos mariños e sobre o adestramento veterinario que reciben. E tres días por semana está programada Falando con peixes, unha actividade especial durante a que poderedes falar en directo co persoal que mergulla no tanque de Nautilus.

Queres levar unha exposición ao teu centro? 

Mocidade, ciencia, futuro é o título dunha exposición temporal e itinerante que os Museos Científicos ceden gratis aos centros educativos que o soliciten. A mostra fomenta unha reflexión sobre a importancia da ciencia na nosa cultura, na nosa contorna e no futuro que desexamos construír. E desexa dar amparo, presenza e visibilidade a un colectivo social de grande importancia para o noso futuro, o dos mozos investigadores científicos, que se senten especialmente abandonados desde os recentes anos de crise económica. De feito, a exposición creouse como resposta á inquietude que xa denunciaba Concepción Arenal (1820-1893) cando dicía: «A sociedade paga ben caro o abandono no que deixa aos seus fillos». Por iso os mozos están presentes de varias formas. En primeiro lugar porque son os seus principais protagonistas, pois con eles se desenvolveu o discurso de contidos, onde se incluíron fotografías de máis de dúas ducias de investigadores. En segundo lugar porque tamén son os seus destinatarios. E é que a mostra desexa orientar aos estudantes de secundaria e bacharelato que están incubando a súa vocación científica. A exposición tamén servirá para descubrir como é a carreira científica da man de mozos profesionais da investigación con raíces galegas.

Gustaríache converterte en científico?

Xa está aberta a vixésima convocatoria dos Premios Luis Freire de Investigación Científica na Escola, cuxo obxectivo é fomentar actitudes positivas cara á ciencia dando resposta, mediante a experimentación ou o traballo de campo, a cuestións que teñan relación con feitos ou procesos da nosa contorna máis inmediata e da vida cotiá. O punto en común que debe inspirar todos os traballos é que «a mellor forma de aprender ciencia é facer ciencia» e recórdase que se premiarán aquelas investigacións que se distingan pola orixinalidade e o rigor das súas formulacións e conclusións. Este curso, para celebrar o aniversario da convocatoria que segue doutorando en ciencias a escolares de toda Galicia, premiaranse todos os proxectos que finalicen e envíen as súas memorias. Os grupos que presenten os mellores proxectos serán seleccionados para a fase final, onde terán que expor o seu traballo ante un xurado de educadores de ciencias nunha cerimonia similar á que deben pasar os mozos que aspiran a obter o doutoramento nalgunha das nosas universidades. Hai quen di que as investigacións que se presentan aos Premios Luis Freire teñen, polo menos, tanta calidade como as universitarias, así que… ánimo!

Queres amosar ao mundo o que fas na aula de ciencias?

O 4 de maio do 2019 celebrarase o XXIV Día da Ciencia na Rúa, a feira de ciencia organizada cada ano pola Asociación de Amigos da Casa das Ciencias. Neste día de festa, escolares e docentes presentan ao público actividades e experiencias científicas nas que traballaron durante meses. Se queda algunha dúbida da importancia de participar neste tipo de iniciativas pensa que a actividade e a participación melloran a aprendizaxe. De forma xeral, só recordaremos un 10 % do que lemos, un 20 % do que facemos, un 30 % do que vemos, un 70 % do que dicimos e un 90 % do que facemos e dicimos. É dicir, que unha verdadeira aprendizaxe conséguese a través da actividade e a participación, que é o obxectivo destas xornadas de ciencia. Ademais, durante o Día da Ciencia na Rúa os participantes practican o seu potencial comunicativo para chegar a persoas de moi distintas características e exercitan múltiples capacidades intelectuais que promoven a autoestima ou o sentimento de utilidade. Outro valor educativo da participación neste tipo de actividades é a ruptura das xerarquías que reinan na aula, pois algúns escolares que teñen dificultades para aprender no colexio descobren que son brillantes nunha contorna diferente.