Titán, o mundo máis parecido á Terra

Bibiana García Visos

LA VOZ DE LA ESCUELA

Titán, a lúa de Saturno compatible coa vida
Titán, a lúa de Saturno compatible coa vida NASA / JPL-CALTECH / SPACE SCIENCE INST.

A NASA asegura que as condicións da superficie desta lúa de Saturno son compatibles coa presenza de vida baseada no metano

27 mar 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

O 25 de marzo de 1655, o astrónomo holandés Christian Huygens descubriu o maior dos satélites de Saturno, a lúa Titán. A través dun rudimentario telescopio construído por el mesmo -un artefacto duns 5 centímetros de diámetro e algo máis de 3 metros de longo que aumentaba os obxectos celestes 50 veces-, observouno durante meses para pescudar a duración da súa órbita antes de facer público o achado. Titán tardaba, e tarda, algo máis de 15 días en dar unha volta completa ao redor do xigante Saturno.

No 2005, 350 anos despois do seu descubrimento, a sonda espacial Huygens, da Axencia Espacial Europea, alcanzou a superficie do satélite, sobre a que permaneceu poucas horas antes de sucumbir ás súas duras condicións. Un tempo suficiente para descubrir que aquel afastado punto de luz no telescopio de Christian Huygens escondía un mundo con continentes, mares e lagos, de aparencia moi similar á Terra, aínda que 45 veces máis pequeno.

Titán, nomeado así en honra dunha raza de poderosos deuses, e deusas, gregos chamados titáns, non é un satélite máis dos moitos que viran ao redor dos planetas do noso sistema solar. É o único con atmosfera, unha incluso máis densa que a que respiramos na Terra, composta sobre todo por nitróxeno, etano e metano. Tamén ten océanos formados por metano líquido. Estas características convérteno no lugar máis parecido ao noso planeta dentro do sistema solar, e nun firme candidato a albergar algún tipo de vida.

AUGA SUBTERRÁNEA

O pasado febreiro, a científica planetaria da NASA Amanda Hendrix asegurou que Titán pode conter «unha estraña vida alieníxena baseada no metano». O satélite de Saturno, con 5.150 quilómetros de diámetro, pode albergar seres vivos que non necesiten auga. Na Terra, unha importante fonte de emisión de metano é o metabolismo dalgúns animais, por a presenza de metano en Titán sustenta a hipótese de que haxa, ou teña habido, vida nese satélite.

A pesar de formarse moi lonxe de nós (Titán está nove veces máis afastado do Sol), presenta un ciclo de choivas parecido á Terra (aínda que non de auga, senón de metano líquido) que mantén colmados os seus lagos. Ademais, baixo a súa superficie xeada, que alcanza temperaturas de -180 graos Celsius, sospeitamos da presenza dun océano subterráneo, esta vez si, de auga líquida e amoníaco. O seu descubrimento multiplicaría as probabilidades de que alí haxa vida extraterrestre.

Outros lugares para a vida

Titán non é o único lugar do sistema solar onde hai postas esperanzas de atopar vida. O planeta Marte e os satélites Encélado, Ganímedes, Europa e Calisto son outros dos candidatos a albergar seres vivos. Os lugares onde buscamos son aqueles que poden conter auga líquida ou algún tipo de molécula orgánica.

 

Marte. O planeta vermello é a opción máis estudada ata o momento. As misións Opportunity, Spirit e Curiosity enviáronnos abundante información sobre Marte, pero aínda nada sobre a presenza dalgún tipo de vida. Sabemos que en épocas anteriores Marte foi moito máis cálido e húmido, o que lle permitiu ter ríos e lagos. O lugar máis probable para atopar seres vivos neste planeta está debaixo da súa superficie, onde talvez aínda quede algo de auga subterránea.

 

 

Encélado. O sexto satélite máis grande de Saturno ten moitos dos elementos que pensamos que se necesitan para a aparición da vida. Con apenas 500 quilómetros de diámetro, Encélado podería ocultar un océano global de auga líquida baixo a súa superficie xeada. Alí atopamos indicios de carbono, nitróxeno e hidróxeno, ademais de certa actividade hidrotermal. Só faltaría detectar xofre e fósforo para que haxa todos os ingredientes para a vida tal e como a coñecemos.

 

 

Ganímedes. A maior das lúas de Xúpiter, e do sistema solar, podería pasar por un planeta en si mesmo. Cos seus máis de 5.200 qulómetros de diámetro, é maior que Mercurio e só algo máis pequena que Marte. É o único satélite que conta co seu propio campo magnético, o que provoca auroras boreais nos seus polos. A información que temos sobre Ganímedes é que encerra o océano de auga salgada líquida máis grande do sistema solar, baixo a súa cortiza exterior de xeo.

 

 

Europa. Outro lugar sobre o que se fan apostas de que poida conter vida é o satélite xeado de Xúpiter, Europa. Cun tamaño similar á Lúa, debaixo dunha capa de xeo de entre 15 e 20 quilómetros de profundidade que o recubre, parece esconderse un océano con moita máis auga líquida da que hai en toda a Terra.

 

 

Calisto. Este outro satélite de Xúpiter, o terceiro máis grande do sistema solar, tamén contén un océano salgado baixo unha capa de roca e xeo a uns 250 quilómetros de profundidade. A presenza de auga, xunto coa de osíxeno na súa exosfera, pode ser clave para a aparición da vida. Aínda así, é o satélite máis inerte de Xúpiter.

 

 

actividades 

Satélites do sistema solar

Os planetas do sistema solar teñen máis de 150 satélites. Busca e fai unha lista coas lúas que teñen cada un. Que planetas teñen máis satélites? Están próximos entre eles? Son planetas próximos ou afastados do Sol? Que dirías que teñen en común? Para atopar os satélites do sistema solar podes buscar nesta dirección web: https://bit.ly/2Fm7WpX

Para curiosos

A película «Titán A. E.». Esta película de animación conta a historia de como os últimos humanos que quedan despois da desaparición da Terra resgárdanse nunha nave de nome Titán A. E. en busca doutro lugar no que vivir.