Os creadores, sobre o xeito de dar leccións

Jesús Garrido

LA VOZ DE LA ESCUELA

O violoncellista Pau Casals (esquerda) dixo: «Agrádame moito dar leccións»
O violoncellista Pau Casals (esquerda) dixo: «Agrádame moito dar leccións»

«Agrádame moito dar leccións, posto que aprendín moito eu mesmo seguindo este método... Eu séntome en fronte do alumno co meu violoncello e toco o instrumento tanto como falo, ou talvez máis que falo, dando así un exemplo vivo sobre a materia» (Pau Casals). Comezamos con esta unha serie de xenialidades que ocupan a páxina 2 e que poden servir para un ano enteiro de programación do traballo coa noticia na escola, sempre creativa, distinta, ansiada ou temida, pero que chega cada día. Os xenios creadores son hoxe, sen ferir a ninguén, os nosos mestres, que nos indican tamén un modo de facer escola. Benvidos!

15 ene 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

 

A VIDA TRÁZASE A SI MESMA

  • «Repítoche que non se fai o plan de vida, senón que esta trázao para si mesma. Fixarte un camiño? O espazo que percorras será o teu camiño. Non te fagas, como planeta na súa órbita, servo dunha traxectoria» (Miguel de Unamuno).
  • «E agora tócanos comentar a mocidade e o seu deber fundamental, que é a rebeldía... Cada ser humano será tanto máis útil á sociedade de que forma parte canto máis forte sexa a súa personalidade e, xa que logo, a súa incapacidade primaria de adaptación» (Gregorio Marañón).
  • «O que me interesa a min, home, é a humanidade, a miña antepasada. O que me conmove, o que me enfeitiza das creacións humanas, das obras de arte, é reencontrar no fondo de cada unha delas un artista, un irmán que presenta a natureza baixo un rostro novo, con toda a potencia ou toda a dozura da súa personalidade» (Émile Zola).

 

 

PRODUCIR VERDADE PURA, SEN PRETENSIóNS

  • «Con que palabras dicir a felicidade da folla verde e do paxaro que voa?» (Ramón del Valle-Inclán).
  • «O primeiro buraco feito nunha pedra é unha revelación» (Henry Moore, escultor).
  • «O sinxelo e primario non cambia: cambia todo e o irredutible permanece. Cambian os xeitos de escribir, segundo o gusto do público; non sofre mudanza o que está reducido á súa expresión elemental» (Azorín).
  • «Cada día seguía traballando ata que unha cousa tomaba forma; e sempre interrompía cando vía claro o que tiña que seguir. Así estaba seguro de continuar ao día seguinte. Pero ás veces, cando empezaba un conto e non había modo de que arrincase, sentábame ante a cheminea e apertaba unha monda de mandarina e caían pingas na chama e eu observaba o chispear azulado» (Ernest Hemingway).
  • «Así nós (el e os cubistas), cando produciamos as nosas construcións, produciamos verdade pura, sen pretensións, sen trucos nin malicias. O que fixemos entón non se fixera nunca: fixémolo desinteresadamente e, se vale algo, é porque non pensamos tirarlle proveito material» (Picasso).

 

CALQUERA OFICIO VÓLVESE  FILOSOFÍA

  • «Pero eu dígoche que calquera oficio se volve filosofía, vólvese arte, poesía, invención, cando o traballador dá a el a súa vida, cando non permite que esta se parta en dúas metades: unha, para o ideal; a outra para o mester cotián. Senón que converte cotián mester e ideal nunha mesma cousa, que é, á vez, obrigación e liberdade, rutina estrita e inspiración constantemente renovada» (Eugenio D’Ors).
  • «Pero un home que se mide a si mesmo e se refai segundo as súas claridades paréceme unha obra superior que me conmove máis que ningunha outra. O máis fermoso esforzo dos homes consiste en cambiar a súa desorde en orde e a posibilidade en poder: aí está a verdadeira marabilla» (Paul Valéry).
  • «De modo que poderiamos dicir... que o realismo está na obra cando o idealismo está na alma, e que só a forza de idealidade pode chegarse a estar en contacto coa realidade» (Henri Bergson).
  • «A vida e o traballo non poden ter outro ritmo que o seu, non poden ser fustrigados nin desviados da súa órbita... Traballar a gusto é harmonía física e moral, é poesía libre, é paz ambiente» (Juan Ramón Jiménez).

 

A ARTE APRÉNDESE, PERO NON SE ENSINA

  • «En suma: creo que a arte apréndese, pero non se ensina. Cantos pretenden dogmatizar en arte non só se equivocan lamentablemente, senón que prexudican á arte mesma que con orgullo simulan protexer. Siga, pois, cada cal o seu gusto e as súas tendencias. Dese modo, divirta ou non aos outros, conseguirá, polo menos, divertirse a si mesmo... que non é pouco» (Manuel de Falla).
  •  «De non ter traballado cunha vontade férrea e un ardor infatigable, non tería comunicado ás miñas obras a miña expresión persoal da natureza e da vida. Son o traballo e a determinación os que fortaleceron, os que deron vigor á miña arte» (Auguste Rodin).
  • «Observa os meus xardíns onde os xardineiros van na alba a crear a primavera. Non discuten sobre os pistilos nin das corolas: sementan as sementes... Deixa, pois, ao porvir desenvolver unha por unhas as súas ramaxes. De presente en presente terá crecido e entrará concluído na súa morte» (Saint-Exupéry).

 

 

A ARTE (A NOTICIA?) NON É  UN GOCE SOLITARIO

  • «Unha obra de arte é boa cando brota da necesidade... Entre en vostede e examine as profundidades das que brota a súa vida: no seu manancial atopará a resposta á pregunta de se debe crear. Entón, acepte sobre si ese destino e sopórteo coa súa carga e a súa grandeza, sen preguntar pola recompensa que puidese vir de fóra» (Rainer María Rilke).
  • «Toda creación supón na súa orixe unha especie de apetito que fai presentir o descubrimento. A esta sensación anticipada do acto creador acompaña a intuición dunha incógnita xa posuída, pero inintelixible aínda, que non será definida senón mercé ao esforzo dunha técnica vixiante... A inspiración é unha reacción emotiva, un reflexo case fisiolóxico que xorde cando se vai descubrindo o obxecto da creación posible» (Igor Strawinsky).
  • «Aos meus ollos a arte non é un goce solitario. É un medio de conmover ao maior número de homes, ofrecéndolles unha imaxe privilexiada dos sufrimentos e das alegrías comúns» (Albert Camus).