Xa hai moitos centros educativos que traballan co Camiño de Santiago, algúns deles co Pasaporte Solidario
19 feb 2020 . Actualizado a las 05:00 h.Cando estas liñas estean impresas en La Voz de la Escuela, faltarán exactamente 316 días para que comece o ano santo, e con el o Xacobeo 2021. Que son dúas cousas distintas: o primeiro declárao a Igrexa católica cando o día do apóstolo Santiago, o 25 de xullo, cae en domingo, cousa que sucede cada 6, 5, 6 e 11 anos. Así pois, o último ano santo, por agora, foi o 2010, e o seguinte será o 2027. E o segundo é un programa cultural e socioeconómico que desenvolve a Xunta de Galicia dende 1993.
A historia é longa, e comeza no século I, cando, segundo a tradición, nunha barca de pedra chega a Galicia o corpo sen vida do Apóstolo para ser enterrado. No século IX comezan as peregrinacións e, cun forte descenso entre o XVI e o XX, continúan ata hoxe. E nestes tempos actuais os Camiños de Santiago cobran unha vitalidade coma xamais tiveron: case 90.000 quilómetros de rutas xacobeas están sinalizadas polo mundo enteiro, e non hai nwada semellante que se lle poida comparar.
Así, cada peregrino saía da súa casa, ía a un lugar emblemático -polo xeral a igrexa máis próxima-, buscaba un grupo ou raramente decidía ir só e marchaba procurando determinadas localidades onde xuntarse. Por exemplo, os nórdicos e bálticos, en xeral, ou ben ían costeando ou ben cruzaban a Inglaterra, á abadía de Finchale. Os do leste de Europa dirixían os seus pasos a Colonia e a París, os do centro a Vezelay o Arles (ambas en Francia), e a maioría de eles procuraban Roncesvales...
E pouco a pouco formáronse os Camiños de Santiago. Cantos? Infinidade deles, con independencia de que agora teñan un recoñecemento oficial ou non. E por aí continúan chegando. Por Galicia pasan oito, e os seus nomes son Primitivo, Norte, Inglés, Portugués (coa súa variante turística de Portugués pola Costa), Camiño do Sueste (mal chamado Vía da Prata), de Inverno e, por suposto, o moi coñecido Francés. Todos eles por terra, pero cómpre sumarlles un marítimo: a Ruta do Mar de Arousa e Río Ulla, é dicir, as augas que sucou a lendaria barca de pedra que traía o corpo do Apóstolo.
ATA A FIN DO MUNDO
Un caso á parte é a prolongación da peregrinación, algo que se fai dende moitos séculos atrás, non faltando quen afirme que é unha peregrinación precristiá. De calquera xeito, a Igrexa católica non a recoñece porque no remata na catedral de Santiago, senón no cabo Fisterra e máis en Muxía, enclaves sen dúbida de gran valor paisaxístico, pero escaso dende o punto de vista relixioso, coa salvidade de que en Muxía abre as súas portas o coñecido santuario de Nosa Señora da Barca, que non ten moito que ver co fenómeno xacobeo.
SÓ UN NA CORUÑA
Descontando a Prolongación a Fisterra e Muxía, e en contra do que poida parecer, só hai un Camiño que discorra integramente pola provincia coruñesa: o Inglés. E bicéfalo, xa que arranca tanto dende A Coruña como dende Ferrol. Chámase así porque a esas cidades, sobre todo á primeira, chegaban milleiros de peregrinos en barco dende Inglaterra, aínda que non todos eran británicos xa que había moitos procedentes dos pobos escandinavos. O punto de encontro no norte daquel país era a abadía de Finchale, marchaban por terra ao sur e alí embarcaban de novo en calquera dos portos que existen aínda hoxe en día. Tamén hai constancia da primeira muller -que se saiba, claro está- que percorreu ese itinerario dende Bristol: chamábase Margery Kempe e deixou escrito un libro. En Oroso lémbraa unha placa .
A COMPOSTELA
A quen camiña cen quilómetros ou dá pedais nunha bicicleta durante douscentos a Igrexa católica dálle un certificado de ter feita a peregrinación. É o certificado de viaxe máis antigo do mundo, xa que, aínda que non se sabe dende cando se expide, si é medieval. Para obtelo hai que ter unha credencial de peregrino (acádase en moitas parroquias, oficinas de turismo e algunhas igrexas) e cada día ten que haber dous cuños nel -de restaurantes, templos, concellos ou o que sexa- que certifiquen que o seu propietario pasou por alí. Cando se chega a Santiago, cómpre ir á Oficina de Atención ao Peregrino, moi preto da catedral e por detrás do hostal dos Reis Católicos, esperar a longa cola en Semana Santa e verán e amosar esa credencial. Obter a compostela é gratis.
AS RUTAS NOS CENTROS
Serán moitísimos máis o curso que vén, pero xa hai centros educativos que traballan co Camiño de Santiago, algúns deles co Pasaporte Solidario (unha iniciativa oficial que ten unha versión referida ao mundo xacobeo); outros por libre, como o CEIP da Fonsagrada, que está en pleno Camiño Primitivo,; outros máis co respaldo da Consellería de Cultura e Turismo, que convocou ás poucas semanas de comezar as clases a 5.000 alumnos no I Festival Escolar do Camiño Inglés, un proxecto da Federación de ANPA de Ferrol e Comarca. Ou o CEIP Barouta, de Ames, que organizou a Semana Escolar do Camiño o pasado novembro. E, por suposto, deixando constancia das actividades constantes do CEIP do Camiño Inglés, en Oroso, tamén ao pé da ruta e que polo seu labor foi premiado pola Xunta como o centro que no curso pasado máis se distinguiu por promocionar e traballar cos seus alumnos co fenómeno das peregrinacións a Compostela. Un suma e segue constante.
De onde veñen?
Os peregrinos chegan a Santiago procedentes de todo o mundo. Duns países máis, doutros menos. Claro é que o principal é a propia España. En efecto, de España, e con Andalucía á cabeza, viñeron -sempre segundo datos do 2019- 146.350 peregrinos, o cal quere dicir un 42,11 %, posto que o número total dos que obtiveron a compostela foi de 347.578, 177.801 dos cales eran mulleres. E despois figuran por esta orde Italia, Alemaña, Estados Unidos, Portugal, Francia e Reino Unido. O seguinte posto na lista é unha auténtica sorpresa: un país tan lonxano xeográfica e culturalmente como é Corea do Sul. Claro que máis lonxe está Australia, de onde viñeron nada menos que 5.301, e figura só tres postos máis abaixo O lugar preferido para botar a andar foi Sarria, unha localidade de Lugo dende a que a distancia á praza do Obradoiro é de pouco máis dun cento de quilómetros. Por certo, e como apunte final, 85 peregrinos chegaron en cadeira de rodas, o cal ten dobre mérito.
UNHAS DATAS PARA NON ESQUECER
Ano 44. Santiago o Maior, un dos doce discípulos de Xesús Cristo, é decapitado en Terra Santa. O seu corpo é enterrado en Galicia.
822. Aínda que o ano non é seguro, o corpo do Apóstolo é descuberto no bosque Libredón, onde hoxe se ergue a catedral compostelá.
1065. Ten lugar a primeira peregrinación multitudinaria, que parte dende Bélxica.
1489. Ante a ameaza de que o británico Francis Drake chegase a Santiago cunha gran tropa expedicionaria e arrasase a catedral, o corpo do Apóstolo é agochado, e perderase a memoria de onde. Drake é rexeitado na Coruña por María Pita.
1879. Antonio López Ferreiro, historiador e cóengo, redescubre o corpo no trasaltar.
1971. Recuperación da peregrinación a pé polo Camiño Francés.
1982. Visita do papa Xoán Paulo II a Santiago.
«Hai que implicar aos mozos e aos colexios no Xacobeo 2021»
ENTREVISTA | CRISTINA PICHEL, Directora de Xuventude e Voluntariado
Cristina Pichel é a directora xeral da Xunta que ten competencias en xuventude e voluntariado. Sabe que ten traballo por diante co obxectivo de espertar a inquedanza da xente nova e, xa que logo, dos centros educativos polo Xacobeo 2021. «Hai que implicar aos mozos e aos colexios», afirma.
—Ten algo previsto para o 2021?
—Claro, xa estamos ultimando un plan xeral de voluntariado para o Xacobeo 2021, un plan que busca implicar a toda a sociedade nesa cita, que é transcendental para Galicia.
—A quen vai dirixido?
—A dous grupos en especial: aos mozos e mozas que van vivir o seu primeiro xacobeo e debemos incentivar o seu sentimento de pertenza a este fito, e ás persoas maiores, que teñen grandes coñecementos da vida que hai que aproveitar.
—Incluír aos maiores non é unha idea nova.
—Pero debemos insistir nela, porque quero que desempeñen un papel central, como auténticos coñecedores da historia da zona pola que pasa o Camiño.
—A contorna dos Camiños é mellorable, e a súa limpeza tamén.
—Sempre. Por iso promocionaremos o voluntariado ambiental co fin de xerar unha conciencia de sostibilidade e coidado da contorna nas nosas diferentes rutas xacobeas.
—Pero quen se move é o peregrino.
—Certo, e por iso intentaremos implicalo no mantemento.
—Europa estará mirándonos.
—Si, Europa estará mirándonos. E tamén boa parte do resto do mundo. Galicia e o seu voluntariado saberán responder ao reto. Por iso unha das cousas que quero facer é campos de voluntariado internacionais no verán, e xa no 2019 levamos a cabo a primeira destas experiencias en Vedra e Boqueixón, o Camiño do Sueste.
—Continuará con esa idea?
—Si, claro, é o que digo, xa este ano estou planificando máis campos centrados no Camiño que axuden a proxectar a imaxe de Galicia no exterior cara ao 2021.
—O peregrino necesita axuda a estas alturas?
—Pode necesitala, e para iso eu quero promover de cara ao 2021, e xa comezando este ano, o voluntariado social, que sempre teño moi presente e que é aquel que agrupa ás persoas que axudan ao peregrino, e mesmo apoiando ás entidades especializadas no acompañamento ao longo da ruta de persoas con discapacidade.
actividades
- Internet está cheo de referencias aos Camiños de Santiago. Trigo e palla por todas partes, e cómpre facer unha escolma. Así, o único xornal dixital referido en exclusiva a esas rutas é este: www.periodicodelcamino.com. Blogs hai infinidade, posto que son centos ou quizais milleiros os que contan neles as súas experiencias no andar.
- Un centrado tan só en monumentos e moi fiable é hitosdelcamino.blogspot.com.
- A información oficial do Camiño en Galicia está en www.caminodesantiago.gal, completísima e en varios idiomas.
- A Federación de Asociaciones de Amigos del Camino ten unha interesante web, www.caminosantiago.org.
- Se se quere ver o deseño dun Camiño noutro país, por exemplo nesta web santiagopilgrimme.dk cómpre facer clic en Find rute para ver nun mapa por onde discorre en Dinamarca (Google ofrécese a facer a tradución do texto). Bótalles unha ollada a todas elas.
- Podes identificar os Camiños de Santiago en España (https://is.gd/cDhFCC) e máis concretamente en Galicia.
- En Google Earth busca Finchale Priory e mais Sarria, dous lugares emblemáticos dos Camiños de Santiago.
- Por que non participar na enquisa de www.periodicodelcamino.com (á dereita, abaixo)?
- Queres máis información sobre Margery Kempe? Tela en es.wikipedia.org.
- Por suposto, se tes preto do centro un Camiño de Santiago, sería case imperdoable non pisalo. Se ademais se pode organizar unha saída completa para toda unha clase, moito mellor.