As fontes volven manar despois da longa seca

LEMOS

O pasado mércores choveu en Monforte máis do dobre que durante todo o mes de decembro

04 ene 2008 . Actualizado a las 10:52 h.

O inicio do novo ano trouxo consigo no sur lucense un brusco cambio con respecto á situación meteorolóxica dominante durante o último período do 2007. O observatorio monfortino do monte Marroxo rexistrou 21,2 litros de auga por metro cadrado o 2 de xaneiro, incrementándose así notablemente os 1,8 litros do primeiro día do ano. Un observatorio particular da área urbana rexistraba a media tarde de onte 27,4 litros acumulados durante as 24 horas anteriores. Unhas cifras que contrastan fortemente coas escasas precipitacions producidas na zona durante o pasado decembro: só 9,4 litros acumulados ao longo de todo o mes.

As chuvias que proseguiron con intensidade durante a noite do mércores ao xoves e durante a xornada de onte non chegaron a causar problemas de consideración e só se rexistrou algún caso aillado de inundación dun baixo -nun bar situado xunto ao Cabe- a causa do funcionamento deficiente dun colector.

Noutras localidades da zona sur da provincia tamén aumentaron as precipitacións, aínda que non en todas partes alcanzaron a mesma intensidade que en Monforte. No observatorio de Meteogalicia en Bóveda rexistráronse más de 15 litros por metro cadrado o día 2. No observatorio quirogués da Conchada, a cifra quedou por debaixo dos quince litros e no do Courel non chegou aos catro litros.

Aumento de caudal

Os efectos das chuvias fixéronse especialmente visibles nos cursos de auga e nas fontes, que viron aumentar o seu caudal durante estas primeiras xornadas do ano. Casos significativos son os da Fonte dos Frades e da Fonte do Guerra, situadas ambas na parroquia chantadina de San Salvador de Asma, que a mediados de outubro xa se encontraban secas, ao igual que outros populares mananciais da zona. Despois do longo período de seca, as fontes volveron manar onte pola mañá.

As previsións meteorolóxicas indican que as precipitacións remitirán nos próximos días. Para hoxe non se esperan máis chuvias na zona sur da provincia, mentres que para o sábado están previstos chuvascos na comarca de Quiroga e en zonas do norte da provincia de Ourense. Para o domingo tampouco se agardan precipitacións e a probabilidade de que se produzan chuvias durante os primeiros días da semana próxima é só dun 30%, de acordo coas últimas predicións de Meteogalicia.