A casa da poeta María Mariño foi durante un tempo residencia de investigadores

La Voz

LEMOS

25 jul 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

As condicións en que traballaban os primeiros investigadores no Courel non tiñan nada que ver coas comodidades que ofrece a recén aberta estación científica. Nos anos 70, moitas estradas da zona estaban aínda sen asfaltar -entre elas a principal, a que une Folgoso e Seoane- e as prazas hostaleiras eran praticamente inexistentes. «A xente que formaba parte destes primeiros grupos de investigación aloxábase como podía en casas dalgúns veciños ou ben tiña que facer cámping», sinala Javier Guitián, que tamén participou nalgunhas daquelas campañas pioneiras.

Un pouco máis adiante, os veciños de Parada -a aldea natal do poeta Uxío Novoneyra- permitiron aos investigadores universitarios aloxarse no edificio da casa escola, xa desocupado por entón, onde viviran anos atrás a poeta María Mariño e o seu marido, o mestre Roberto Pose. «Moitas veces había que baixar a pé desde Parada a Seoane para comprar comida e volver andando polo camiño vello, que se percorría con moita dificultade», lembra Gutián.

Pero todos aqueles esforzos acabaron por dar froito e algún tempo despois comezaron a aparecer as primeiras publicacións e teses de doutoramento baseadas en investigacións realizadas na serra, que cada vez se foi afirmando máis como un dos territorios de maior interese científico do noroeste ibérico.