Inaugurará unha placa na súa casa natal pola dedicatoria do Día das Letras
17 mar 2011 . Actualizado a las 06:00 h.O Concello de Monforte aproveitará a dedicatoria do Día das Letras Galegas a Lois Pereiro para desenvolver un amplo programa de actividades, coas que pretende achegar a figura do escritor monfortino a todos os veciños e moi en particular aos máis novos. «Queremos poñer en valor a súa obra e facer posible que chegue a todos os ámbitos», sinalou o alcalde, Severino Rodríguez na presentación dos actos, nos que colabora a vicepresidencia terceira da Deputación. Según explicou, todas as celebracións de carácter municipal, entre as que figura a inauguración dunha placa na casa natal do poeta na rúa Ourense, foron consensuadas coa súa familia.
«Aínda que Lois Pereiro non residía en Monforte, sempre procuraba vir por aquí e por iso permanece vivo na memoria de moita xente. En boa parte, diriximos a programación aos que non chegaron a coñecelo, aos xoves que así terán a oportunidade de asomarse á súa obra», manifestou a concelleira de Cultura, Alicia Cadarso, que colaborou xunto coa responsable da área municipal de Xuventude, Estrela Formoso no deseño da programación.
Entre os actos figura a organización duhna mostra na casa de cultura, baixo o lema Camiño do futuro libremente, que en palabras de Cadarso quere ser «un percorrido pola vida de Lois Pereiro a través dunha viaxe visual pola súa época». A exposición, que poderá visitarse durante os meses de abril e maio, recopila abundante material audivisual e terá un carácter eminentemente «participativo».
Maratón de lectura
Lois Pereiro tamén será o protagonista na segunda edición do maratón de lectura que terá lugar o día 14 de maio e que incluirá diversas actuacións musicais nas ruas peonís da cidade. Ao longo dos próximos meses, está prevista, asimesmo, a presentación dos libros dos monfortinos Antón Patiño e Antón Lopo sobre a vida e a obra de Lois Pereiro, arredor do que xirarán boa parte das actividades da próxima edición da feira do libro de Monforte.
Entre finais de marzo e principios de abril farase unha «intervención pictórica» dedicada ao escritor nos muros e fachadas do entorno do parque da rúa Santiago e tamén se baralla a posibilidade de organizar unha xornada de arte mural co mesmo obxectivo.
Para as visitas de centros de ensino con motivo das Letras galegas, organizarase un «percorrido alternativo» por algúns dos lugares da cidade que frecuentaba Lois Pereiro.