Os pazos de Tor e Lusío acollerán concertos do ciclo Espazos Sonoros

monforte / la voz

LEMOS

12 ago 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Os pazos de Tor, en Monforte, e Lusío, en Samos, serán escenario de senllos concertos do programa Espazos Sonoros, promovido pola Consellería de Cultura e Turismo. Estas dúas actuacións serán as únicas do ciclo que se celebren na provincia, ademais doutra que se levará a cabo no museo de San Paio de Narla, en Friol.

A primeira destas actuacións será o día 17 no pazo de Lusío. O concerto comezará ás sete da tarde e correrá a cargo do músico Carlos Suárez, especialista no chamado paisaxismo sonoro e membro do colectivo Escoitar.org. Suárez percorre Galicia dedicándose a facer gravacións de todo tipo de sons naturais ou artificiais, que despois manipula para integrar nas súas composicións, nas que utiliza instrumentos de vento e percusión de diversas partes do mundo.

Carlos Suárez ofrecerá tamén o concerto programado para San Paio de Narla, que será o 3 de setembro ás oito da tarde.

Canto romántico

O concerto do pazo de Tor ofrecerase o 26 deste mes ás oito e media da tarde e consistirá nun espectáculo de canto romántico baixo o título O artilleiro da batalla de Elviña. Os intérpretes serán a soprano Lucía Vázquez, o barítono Antonio Santos, o pianista Yonit Kosovske e o guitarrista Julián Navarro. O programa inspírase nunha obra da escritora Beatriz Martínez, recrea a historia dun artilleiro do exército napoleónico que resultou ferido por guerrilleiros galegos na invasión francesa de 1809. O concerto comprende pezas musicais de Mariano de Ledesma, Manuel García, Fernando Sor, Nicolás Ledesma e Marcial de Adalid.

Os concertos do ciclo Espazos Sonoros, que chega este ano á sua cuarta edición, desenvólvense en lugares de especial valor monumental e histórico. En anteriores edicións serviron tamén como escenario as igrexas monfortinas de San Vicente do Pino e A Régoa. Segundo explicaron no seu día os organizadores, Monforte é un dos lugares onde máis éxito tiveron estas convocatorias.