Ademais do uso de escenarios localizados no sur da provincia e da súa aposta por dar a coñecer novos realizadores, a empresa monfortina quere caracterizarse tamén pola variedade de xéneros. Na súa curta traxectoria, iniciada hai dous anos, Amanita Films esforzouse por producir obras de índole moi diversa. «Interésanos tocar un pouco todos os xéneros e por iso imos experimentar agora nun campo como o do terror, que é algo novo para nós», di Patiño.
A primeira obra producida pola empresa, Esliva, é un falso documental sobre a vida dun ermitán imaxinario. Un cobarde -que este ano recibiu o premio do público no Festival Internacional de Cine Independiente de Elche- é un filme do xénero histórico ambientado na Francia do século XIX e baseado nun conto do escritor Guy de Maupassant. Pola súa parte, Birthday é unha historia de tipo intimista ubicada na época contemporánea.