Poemas sobre as terras inundadas do encoro de Belesar

Francisco Albo
francisco albo CHANTADA / LA VOZ

LEMOS

XOSÉ LOIS GARCIA

O escritor chantadino Xosé Lois García evoca nun libro as paisaxes perdidas

05 jun 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

As paisaxes das terras anegadas polo encoro de Belesar son a fonte de inspiración do último libro de poemas do escritor chantadino Xosé Lois García, Remitencias, que acaba de ser editado polo servizo de publicacións da Deputación en colaboración coa asociación cultural Xermolos. A obra contén 86 composicións que acompañan outras tantas imaxes fotográficas tomadas polo propio escritor durante o recente período en que as terras inundadas polo encoro quedaron ao descuberto debido ao vazamento causado por unhas obras de reforma realizadas nas instalacións hidroeléctricas.

A obra divídese en dezasete seccións que levan os nomes das localidades dos municipios de Chantada, Taboada, O Saviñao, Paradela e Portomarín que quedaron asolagadas cando se construíu o encoro: Porto, Castro Candaz, Pincelo, A Samugueira, San Paio, Mourulle, Portomeñe, A Viña, Ribó, A Hermida, A Pereira, Padrizán, Reximonde, Santa Marta, Seixón, Figueiroá e Portomarín. As fotografías mostran as ruínas das numerosas vivendas, adegas, capelas, muíños e outras construcións tradicionais que agora están de novo sepultadas baixo as augas do encoro, así como dos viñedos, muros, camiños e soutos que correron a mesma sorte.

O poemario foi prologado polo presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero, quen o cualifica de «insólito» e comenta a ese respecto: «Non coñezo, dentro das literaturas hispanas, un libro destas características». En opinión do académico e escritor, a nova obra de Xosé Lois García «é, no esencial, a reflexión moral dun cidadán que, ante estas ruínas efemeramente reemerxidas, lembra a súa infancia sen ruínas».