Monforte, capital do cineclubismo ibérico durante dous días

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

ROI FERNANDEZ

O Centro do Viño acolle un encontro organizado por A Calexa

17 nov 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Durante esta fin de semana Monforte acolle por primeira vez un encontro das federacións de cineclubes de Galicia, Cataluña e Portugal -as únicas entidades deste tipo que seguen existindo en toda a Península-, unha reunión que se organiza desde hai tres anos e que ata agora sempre se desenvolveu nesta comunidade. A organización corre a cargo do cineclube monfortino A Calexa, que celebra actualmente a súa mostra anual de cinema, e as actividades teñen por escenario o Centro do Viño da Ribeira Sacra.

Nos diferentes debates que se desenvolveron durante a xornada de onte ocupou un importante espazo a cuestión do futuro do cineclubismo e da distribución cinematográfica ante a inminente desaparición das proxeccións no tradicional formato de 35 milímetros, que a partir de xaneiro pasarán a ser substituídas en toda España polas proxeccións en sistema dixital. Os participantes expresaron a súa preocupación polo feito de que este cambio estea a provocar a desaparición de numerosas salas comerciais e pola repercusión que isto pode ter na actividade dos cineclubes. Os membros de A Calexa sinalaron que este problema non se dará en Monforte, onde a única sala de multicines -que o cineclube utiliza para as súas proxeccións- xa se preparou para empregar o formato dixital, pero recordaron que isto é algo que non sucedeu en moitos lugares.

Presentación de filmes

Durante a primeira xornada do encontro falouse tamén da situación actual do sector cinematográfico e audiovisual en España e Portugal -e de como sufre as consecuencias da crise económica- e foi presentada a curtametraxe Deil, o filme máis recente da produtora monfortina Amanita Films. Da presentación encargouse Iván Patiño, responsable desta firma.

As actividades de hoxe comezarán ás 11.30 horas coa proxección doutro filme producido recentemente no sur lucense: o documental Asolagados, dirixido polo realizador chantadino David Vázquez, que conta a historia das poboacións que quedaron sepultadas polo encoro de Belesar hai medio século. Ás cinco da tarde poderá verse ademais o documental Matisse se escribe con dos eses, dirixido por Alberto Lobelle -un realizador monfortino radicado en Madrid-, que reflicte un ano de actividade na Escola Aberta de Arte de Ferrol.

Os participantes no encontro tamén participarán nunha visita guiada ao museo do Centro do Viño, que comezará á unha da tarde.