O grupo de rock Raiba pide axuda para editar o seu novo disco

quiroga / la voz

LEMOS

29 may 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

O grupo de rock Raiba, no que participa o vocalista quirogués Xavier Castro, iniciou unha campaña de mecenato a fin de conseguir fondos para editar o seu segundo disco, Versos da revolta, no que colaboran diversos poetas e escritores, entre eles o antigo presidente da Real Academia Galega, Xosé Luís Méndez Ferrín. O disco foi gravado recentemente nun estudio discográfico da cidade portuguesa de Braga e a súa saída ao mercado está prevista para mediados do mes próximo.

A campaña foi lanzada a través do portal Verkami.com e ten por obxectivo reunir 1.800 euros. «Pretendemos só conseguir unha axuda para a edición do disco, que en realidade é bastante máis custosa, e se fose posible, realizar tamén un videoclip, algo que tamén resulta caro», sinala Castro. O grupo tamén ten previsto ofrecer varios concertos durante o verán no sur lucense. Un deles será en Quiroga e os outros, en lugares que aínda están por determinar.

O grupo Raiba editou no 2011 o seu primeiro disco, Por vivir, e ofrece concertos con regularidade en diversas localidades galegas. Xavier Castro formou parte anteriormente das bandas Nao -que aínda segue actuando, pero con outro vocalista- e Fai Tun Flai, esta última integrada exclusivamente por músicos de Quiroga.