Un ano dedicado á memoria de Lois Pereiro en Monforte

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

O grupo municipal de goberno propón organizar homenaxes públicas ao poeta

24 ene 2015 . Actualizado a las 05:10 h.

O grupo de goberno do Concello de Monforte pretende que o 2015 sexa no municipio o ano de de Lois Pereiro. Con esta intención presentou unha moción, asinada pola concelleira Pilar López, na que se afirma que esta iniciativa persegue un dobre obxectivo: «Por unha parte, seguir recoñecendo a súa vixencia e grandeza e, por outro lado, convocar ao mundo a que visite a cidade onde naceu e que tanto amou».

A moción pide que o pleno dedique oficialmente este ano ao poeta -falecido en 1996, aos 38 anos de idade- e que nos próximos meses se promovan «actividades que afonden e divulguen a obra, o pensamento e a figura deste poeta monfortino». Entre estas iniciativas, o goberno municipal suxire que se dea o nome de Lois Pereiro á Casa de Cultura e á biblioteca pública que alberga este edificio. Pide ademais que se instale na fachada do inmoble un rótulo co nome do escritor e que se encargue para a biblioteca unha «imaxe de marca» en que figure a nova denominación.

A petición recorda que no 2015 se cumpren cinco anos desde a celebración do Día das Letras Galegas dedicado ao poeta. Ao longo do 2011 desenvolvéronse en Monforte numerosas actividades sobre a vida e a obra de Pereiro, entre as que figurou unha sesión extraordinaria da Real Academia Galega. Durante ese ano promovéronse ademais moitas outras iniciativas similares por toda Galicia e tamén noutras comunidadades. «O seu interese trascende a nosa cidade e mesmo o noso país, como se comprobou na inxente cantidade de actos celebrados en torno á súa figura, na intensidade dos mesmos e no éxito de público vivido», apunta a este respecto a moción presentada polo BNG.

O Concello xa lle dera o nome do poeta a unha rúa da cidade no ano 2000. O pasado setembro, por outro lado, instalouse unha placa conmemorativa na casa natal do poeta, situada na rúa Ourense.