O BNG critica a «desidia» do Concello por non difundir un vídeo sobre o festexo

monforte / la voz

LEMOS

Foi gravado durante a última edición de feira por encargo da anteiror concelleira de Cultura

10 mar 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

O grupo municipal do BNG de Monforte manifestou a súa preocupación pola «desidia» que ao seu xuízo está mostrando o goberno local con respecto á promoción da Feira Medieval ao non difundir un vídeo promocional do festexo que foi encargado polo Concello á produtora audiovisual local Amanita Films. O vídeo foi gravado durante a última edición de feira. Os nacionalistas sinalan que cando só faltan dúas semanas para a nova edición do festexo este traballo aínda non foi dado a coñecer.

Segundo o BNG, o mencionado vídeo «xa debería levar tempo pendurado nas redes sociais, na propia páxina web municipal e no mupi instalado na rúa Cardeal para promocionar turisticamente tanto a nosa cidade como a propia Feira Medieval». O traballo -engaden- foi realizado por encargo do anterior grupo de goberno e deseñouse «coa fin de promocionar un dos eventos de máis singularidade e de maior éxito de afluencia de público da nosa cidade en temporada turística alta».

Prazo dos concursos

Por outro lado, o Concello mantén aberto ata o día 22 o prazo de inscrición para os tres concursos que se celebrarán durante a Feira Medieval. Un deles é de traxes e outros dous, de decoración de establecementos comerciais e de balcóns, respectivamente. No caso do certame de traxes, a inscrición poderá facerse tamén nun posto informativo que estará instalado na praza de España, entre as 11 e as 13 horas do día 26. Os premios previstos para este concurso está dividido en tres categorías, que corresponde respectivamente a adultos, nenos e grupos formados por cinco persoas como mínimo. Por outro lado, os premios dos tres concursos serán dados a coñecer ese mesmo día nun acto que se celebrará na referida praza ás sete da tarde.

Así mesmo, o Concello informou de que durante todo este este mes -incluíndo o período vacacional de Semana Santa- a torre da homenaxe estará aberta ás visitas os sábados, domingos e festivos, de 11 a 13 e de 16 a 19 horas. Fóra destas datas, tamén é posible concertar visitas guiadas para grupos chamando ao teléfono 982 402 501.