Pablo Rubén Eyré valora a exposición da pintora chantadina Beatriz Palomero
12 ago 2016 . Actualizado a las 05:00 h.Hoxe • Casa da Cultura de Chantada • 20:30 horas • A exposición permanecerá ata o día 29 • En 1996, na Casa da Cultura de Chantada, Casona de Lemos, un edificio do século XVI, dotado dun indubidábel carácter na cerna da vila, expoñía case por primeira vez os seus debuxos e grabados, a moi mociña artista Beatriz Palomero. Beatriz, licenciada en Belas Artes pola Universidade de Salamanca, naceu e cursou en Chantada os estudos de EXB e de Bacharelato. Iniciose na pintura da man do profesor de debuxo do Instituto, o excelente pintor galego Xosé Artiaga, que comunicou a boa parte do seu alumnado a súa propia paixón pola linguaxe pictórica. Transcorreron desde entón vinte anos, e de novo Beatriz expón (unha vez máis) na Casa da Cultura de Chantada.
Quen asistimos á primeira exposición en 1996, e a que se acaba de inaugurar, o que se nos revela é o sorprendente proceso de maduración que a obra da artista chantadina experimentou nestes derradeiros vinte anos. Esta vez xa no se trata tan só de asistir a uns comezos prometedores, senón que zorregamos cunha obra sólida, de coidado soporte técnico, unha proposta artística de grande madurez, orixinal, na que se manifesta un estilo propio. Non é esaxerado dicir que se trata dunha exposición singular. Vostedes mesmos poderán comprobar isto, pois a exposición permanecerá aberta durante o presente mes de agosto.
Logo da segunda metade do século XX a hexemonía da arte norteamericana afastou o epicentro da pintura contemporánea de París a Nova York. O expresionismo abstracto norteamericano exerceo un forte peso en todo o campo pictórico, seguido do pop-art, a arte promovida por Andy Warhol desde a súa factoría. En boa medida a pintura como linguaxe viuse tendencialmente substituida pola pintura decorativa. A pintura de Beatriz Palomero, así como os seus vasos, pratos e outros obxectos pintados en porcelana, que agora saca á luz por vez primeira, non é allea á modernidade da arte norteamericana, pois participa da súa aparente levedade, pero conecta sobre todo co expresionismo austríaco da secesión, e máis concretamente co más radical dos pintores vieneses: Egon Schiele.
Nos debuxos, augatintas e grabados expostos aparecen representados acenos cotidiáns de mulleres, instantáneas aparentemente sen importancia, superficiais case sempre en movemento que, desde o máis próximo, nos levan ao outro lado da vida para introducirnos nunha reflexión sobre a condición humana. A ollada de Beatriz non sería posíbel sen a transición democrática, sen a incorporación dunha xeración moza, a xeración dos anos setenta, ao espazo social e político europeo, pero tampouco podería ser posíbel sen os importantes avances das mulleres na súa xa longa loita pola emancipación. Non estamos ante unha fuxidía exposición de verán, senón que nos atopamos nunha exposición chea de liberdade, que nos introduce nun mundo femenino delicado, moi expresivo e, polo xeral, dunha grande forza.