Vilelos volveu bailar á calor do lume das fachas

c.c. MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

roi fernández

Esta aldea do Saviñao e a de Castelo, en Taboada, son as únicas que conservan este tipo de folión

24 sep 2016 . Actualizado a las 21:10 h.

Contan os que o recordan que a festa remataba cando que se apagaba a última das fachas. Así que o normal era tratar de facelas canto máis altas e robustas mellor. Era antes de que chegase a luz eléctrica e a escuridade non se podía escorrentar máis que con lume. A queima feixes de ramas ou herba seca para anunciar o día grande das festas patronais era un costume arraigado en moitas aldeas, pero hoxe na Ribeira Sacra só se conserva nunha de Taboada e noutra do Saviñao. En Castelo (Taboada) queimaron as súas o pasado día 8. A festa en Vilelos, no norte do municipio do Saviñao, foi este venres.

Os fachuzos, feitos con talos secos da flor coñecida como agucio, descansaban a última hora da tarde apoiados xunto a unha casa no campo da festa. Veciños e visitantes empezaron a xuntarse alí pouco antes das nove, a hora fixada para que empezase unha pancetada popular. Minutos antes da media noite, os veciños empezaron a organziarse para cargar coas fachas e prenderlles lume. Empezaba a procesión ata o castro da Besta, no outeiro situado xunto á aldea.

Centos de persoas subiron cara o castro canda os portadores das fachas, elaboradas durante as semanas previas de todos os tamaños e coa axuda de veciños de todas as idades. No alto presenciaron como se consumían as máis pequenas antes de traer de volta as de máis envergadura. Era o momento de que empezase o baile, cun festival no que este ano tocaron os 3 Trebóns, Airiños da Freba e os Baileiros de Boián. O lume aguantou aínda encendido durante unha hora. A festa durou máis. Coa luz eléctrica, o lume manda un pouco menos.

O Folión de Fachas de Vilelos reúne cada ano aos veciños da parroquia, pero tamén a numerosos visitantes chegados de toda a comarca. A incorporación da xente nova da localidade parece garantir o futuro da festa.