Vicente Reboleiro presentará o día 5 na estación científica de Seoane o seu segundo poemario, «Aldea viva»
28 oct 2016 . Actualizado a las 05:00 h.Na véspera da Festa da Castaña do Courel, o poeta e profesor de ensino medio Vicente Reboleiro, natural de Ferramulín, presentará na estación científica de Seoane -ás sete da tarde- o seu novo novo Aldea viva. No acto participará o escritor lucense Xulio López Valcárcel, moi relacionado coa comarca e autor do prólogo da obra.
-¿A aldea á que se refire no título do libro é Ferramulín?
-Comezo pola miña aldea, o lugar onde nacín e onde viviron meus pais e antepasados. No libro falo de figuras concretas de persoas, como meus pais e os nosos veciños, aos que dedico unha lembranza para traelos ao presente e rescatalos do esquecemento. É unha recuperación da memoria, de todo o que me constituiu a min como ser individual. Pero co paso do tempo funme dando conta de que a miña memoria persoal é tamén un pouco a memoria colectiva de toda a Galicia rural, que é unha parte fundamente do que nos constitúe como pobo. Neste sentido, o meu libro é unha reivindicación desa Galicia rural que hoxe está practicamente extinta e desaparecida.
-Aínda así, o título fala dunha aldea viva.
-É que este libro pretende ser unha lembranza viva dese mundo., unha celebración e un agradecemento polo que herdamos dos nosos antepasados. Non quixen que fose unha elexía, unha manifestación de saudade polo que xa non somos, porque non comparto esa propensión á morriña que é tan típica de Galicia. O que pretendo expresar é que ese mundo segue estando aí, que é unha presenza viva que sempre está connosco. En vez de lamentarnos polo que se perdeu, creo que é mellor manter viva a alegría e a capacidade de celebración que nos legou ese mundo da Galicia rural. Na presentación do libro haberá unha actuación musical, porque pretendemos que sexa algo alegre.
-¿Que relación ten esta obra co seu anterior libro?
-O novo libro é en certo modo unha continuación do primeiro, pero creo que en Aldea viva hai unha maior presenza o mundo da natureza. Hai como unha vinculación mística coa terra, con esta natureza extraordinaria que temos na Serra do Courel e en toda Galicia, que é algo que tamén está moi presente na poesía de Uxío Novoneyra.
-¿Cre que hai algunha posibilidade de que renazan as aldeas da Serra do Courel e doutras partes de Galicia que quedaron igualmente abandonadas?
-As circunstancias sociais e económicas que había cando as aldeas estaban cheas de xente e de vitalidade son moi diferentes das que temos hoxe e aquela etapa histórica xa está pasada, pero sempre hai unha posibilidade de recuperación. A aldea de Hórreos, onde naceu meu pai, quedou totalmente deshabitada, pero nos últimos anos instalouse alí unha familia que cría ovellas e cabras. E agora está volvendo xente á aldea de Vieiros, que tamén quedara despoboada. O que habería que facer é axudar á xente que quere asentarse nas aldeas que quedaron abandonadas. Nas institucións debería haber unha vontade política de apoiar aos que pretenden revitalizar o mundo rural.
-Como profesor de lingua e literatura galegas, ¿como ve a situación do idioma no ensino?
-Os últimos anos foron bastante negativos para o mantemento e a consolidación da lingua, como o indican as estatísticas sobre o seu uso. Traballo nun instituto da provincia da Coruña e vexo que a moitos rapaces lles custa expresarse con fluidez en galego, aínda que reciben unha formación académica. A situación social e política non favorece moito o uso do idioma, pero temos que esforzarnos por manter viva esa chama porque nos xogamos moítisimo coa lingua.
-¿E que lle parece o panorama actual da literatura galega, especialmente o da poesía?
-Aínda que as circunstancias non son favorables, penso que temos unha literatura moi valiosa en todos os xéneros. Galicia ten unha cultura moi arraigada na historia, un ser colectivo fraguado durante séculos, e non é fácil que todo iso desapareza. Unha proba diso é a puxanza que segue tendo a súa literatura.
Antes do seu novo libro Aldea viva -á esquerda, portada da obra-, Vicente Reboleiro deu ao prelo hai seis anos Prenderei a lareira, no que os críticos viron unha importante pegada de Uxío Novoneyra, con quen mantivo amizade e que o animou a escribir. Segundo ele mesmo explica, escribiu desde moi novo, aínda que tardou en animarse a publicar os seus textos. En colaboración con Xoán Carlos Alvarellos Codesido, Reboleiro tamén editou Aires de festa, unha obra de carácter didáctico sobre as festas tradicionais galegas que ten unha relación directa co seu traballo como docente. Aínda que non descarta a posibilidade de cultivar outros xéneros literarios, o escritor de Ferramulín manifesta a súa predilección pola poesía. «O meu labor é basicamente poético -explica- e teño escritos moitos outros poemas que quero ir publicando despois deste libro», explica.