
Camilo José López presenta mañá na Casa de Cultura de Monforte a exposición «Luces da noite»
02 feb 2018 . Actualizado a las 12:48 h.O enxeñeiro industrial e fotógrafo José Camilo López Pérez, veciño de Bóveda, inaugura este venres na Casa de Cultura de Monforte a exposición «Luces da noite», a primeira mostra de astrofotografía que se ofrece no sur lucense. Poderá visitarse ata o día 23.
-¿Onde foron as feitas as fotografías desta exposición?
-Fíxenas durante os últimos dous ou tres anos en diferentes lugares do sur lucense. Unha boa partes foron realizadas nos miradoiros do canón do Sil, en sitios como Doade e Cadeiras, entre outros. Tamén hai algunhas que foron feitas no encoro de Vilasouto, no Incio, e xunto á fábrica de cementos de Oural, en Sarria.
-¿Que técnica utiliza?
-Son fotos de longa exposición feitas con trípode. A maioría das imaxes foron tomadas cun tempo de exposición de en torno a trinta segundos. Se a exposición é máis prolongada, o movemento de rotación da Terra fai que as estrelas aparezan movidas, e eu prefiro obter imaxes estáticas.
-¿As condicións meteorolóxicas deste territorio son apropiadas para a astrofotografía?
-Estamos en Galicia e por tanto temos moitas noites con nubosidade, chuvia e néboa ao longo do ano. Pero tamén temos un aire moi limpo e unha contaminación lumínica escasa, polo que cando a meteoroloxía é favorable as condicións poden ser excelentes. A área urbana de Monforte non é un sitio apropiado debido á forte iluminación nocturna, pero a poucos quilómetros da cidade hai unha visibilidade moi boa.
-¿Que época do ano é a mellor para facer este tipo de fotos?
-A min paréceme especialmente recomendable a partir de maio, porque nesa época é cando se fai visible o núcleo da Vía Láctea. O canón do Sil é un sitio moi indicado para obter imaxes espectaculares da Vía Láctea.
-Ademais do aspecto artístico das imaxes, ¿a exposición ten unha finalidade divulgativa?
-Si, porque o que pretendo sobre todo é animar á xente a observar o noso ceo nocturno. Paréceme unha pena que aquí non haxa máis afección popular pola astronomía, porque temos unhas condicións de visibilidade moi boas. Cuns simples prismáticos é fácil observar moitas cousas interesantes, como os cráteres da Lúa, os satélites de Xúpiter, os aneis de Saturno ou a galaxia de Andrómeda. Espero que esta exposición axude a incrementar esa afección e a que aquí se organicen xornadas de observación do ceo nocturno como as que se fan con regularidade noutros lugares. Pode ser algo moi interesante no ámbito educativo e incluso no do turismo.