Gasosas e sifóns que pasaron á historia no sur lucense

fRANCISCO ALBO / ROI FERNÁNDEZ MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

Antigas botellas dan testemuño da existencia de numerosas pequenas fábricas de bebidas carbonatadas

24 abr 2018 . Actualizado a las 12:49 h.

Como sucedeu noutras partes de Galicia, durante o século pasado funcionaron no sur lucense numerosas fábricas locais de gasosas e sifóns. Estas pequenas industrias acabaron desaparecendo na súa maioría e a súa historia está por escribir, a pesar da notable importancia que chegaron a ter. O historiador chantadino Claudio Otero Eiriz, especializado na historia industrial galega, di que non coñece ningún estudo sobre este sector. «En xeral, a historia das industrias minoritarias está moi pouco investigada non só en Galicia senón no conxunto de España», explica.

Un dos rastros máis visibles que deixou esta actividade son as antigas botellas -cos característicos tapóns mecánicos- que atesouran algúns coleccionistas. As etiquetas destes recipientes, impresas en resistentes serigrafías, consérvanse perfectamente na súa maior parte pese a datar de hai moitos anos e, en certos casos, de moitas décadas. Roi Fernández, fotógrafo de La Voz, posúe unha colección na que figuran curiosos exemplares. Entre eles hai botellas e sifóns de tres fábricas que existiron en Chantada, Lucus, La Moderna e Noguerol. A primeira delas estaba na rúa Fontearcada e funcionou ata finais dos anos 70 ou principios dos 80. Unha das outras dúas, non se sabe exactamente cal, encontrábase na rúa Costaña, nunha edificación onde aínda se conserva o manancial que fornecía a auga coa que se elaboraban as bebidas.

Na colección figuran ademais botellas de dúas marcas de gasosa que gozaron de ampla popularidade na comarca chantadina, Pitón e José Fernández, elaboradas respectivamente nos municipios ourensáns de Vilamarín e Cea. Esta última, que excepcionalmente aínda segue fabricándose hoxe, era a máis consumida en Carballedo.

 

Empresas monfortinas

En Monforte foron moi populares dúas gasosas de fabricación local, Pum e Cao. A primeira era elaborada na rúa Doutor Casares e a segunda -unha das últimas en desaparecer, hai algúns anos- na praza de San Antonio. Na colección de Roi Fernández hai unha rara botella da primeira destas empresas serigrafiada en cor azul, un modelo moi difícil de encontrar. As etiquetas desta marca normalmente estaban impresas en branco.

Outras marcas elaboradas na comarca de Lemos foron as das gasosas Aro, de Bóveda; La Gallega, do Saviñao, e Rivero, de Sober, que se anunciaba curiosamente na súa etiqueta como «especial para vino». A comarca quiroguesa contou tamén coas súas fábricas de bebidas carbonatadas, como La Castellana, de Quiroga, e Fluxento, de Ribas de Sil. Na localidade dos Peares, por outro lado, fabricábanse e vendíanse as gasosas López. A colección comprende igualmente unha botella da gasosa, Triacastel, que -como cabe supor- era fabricada en Triacastela. A etiqueta, adornada cunha vieira xacobea, indica que a localidade está situada «en el Camino de Santiago».