Imaxes e historias antigas da comarca de Quiroga

Francisco Albo
francisco albo QUIROGA / LA VOZ

LEMOS

Un libro de Jesús Río Ramilo recolle documentos gráficos e datos históricos pouco coñecidos deste territorio

31 ago 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O pasado día 25 presentouse na igrexa da parroquia da Ermida o segundo volume da obra Tierras de Quiroga, escrita polo sacerdote e escritor Jesús Río Ramilo e dedicada á divulgación da historia da comarca. A primeira entrega desta publicación apareceu o pasado ano. Nese volume, Río Ramilo ocupouse do período comprendido entre os inicios da Idade Media e o principio do século XX. «Non comecei coas épocas castrexa e romana, porque xa hai moitas outras publicacións sobre elas, e preferín tratar outros períodos menos coñecidos», explica. O segundo tomo -subtitulado Sus gentes, productos y producciones- foi publicado co apoio dos tres concellos da comarca e céntrase na evolución demográfica e na historia das actividades económicas do territorio.

Jesús Río sinala que un dos principais obxectivos do seu libro é dar a coñecer aspectos pouco divulgados da historia local, como o feito de que en tempos pasados houbo unha importante produción de seda nas terras quiroguesas. «Isto é algo que coñece moi pouca xente, pero a seda que se manufacturou en Monforte a partir dos séculos XIV e XV era cultivada en boa parte na comarca de Quiroga», explica. Outra historia esquecida que aborda no seu traballo -engade- é o feito de que entre finais do século XIX e inicios do XX houbo varios intentos de explotar as areas auríferas do Sil. «É moi popular a historia das aureanas, que seguiron baldeando as areas do río ata que se construíron os encoros, pero estas tentativas industriais están moi esquecidas», comenta.

O libro fala tamén da minería do antimonio que se desenvolveu en Vilarbacú desde finais do século XIX. «Sobre a historia destas explotacións non había nada publicado ata agora», apunta o autor.

Fotografías inéditas

O segundo volume de Tierras de Quiroga, por outra parte, está ilustrado cun amplo número de fotografías que na súa maioría son inéditas. Boa parte destas imaxes foron cedidas a Jesús Río por varias familias da comarca e reflicten diversos aspectos da vida cotiá local, principalmente de mediados do século pasado. «Creo que é moi interesante recuperar estas fotografías porque na súa maior parte non son coñecidas máis que polas familias que as conservaron e mostran o modo de vida propio dunha época que aínda está cercana no tempo pero que é moi diferente da actual», sinala.

Unha parte deste material gráfico, procede da antiga revista Vida Gallega, publicada entre 1909 e 1938. Entre esas fotografías hai algunhas, datadas en 1920, que mostran como era o túnel romano de Montefurado antes de derrumbe que sufriu en novembro de 1934 e que reducíu a súa lonxitude desde os 120 metros ata os 52 que ten na actualidade. «Hai pouquísimas imaxes que mostren como era o túnel antes de derrumbarse e as que se conservan teñen un valor histórico moi importante», sinala Río.