A Pisa da Castaña cumpriu vinte anos en medio da multitude

Francisco Albo
francisco albo QUIROGA / LA VOZ

LEMOS

Roi Fernández

A festa gastronómica de Froxán do Courel celebrou unha das edicións máis concorridas da súa historia

09 dic 2018 . Actualizado a las 17:44 h.

A Festa da Pisa da Castaña do Courel celebrou onte os seus primeiros vinte anos de existencia cunha das edicións máis concorridas que coñeceu ao longo da súa historia. Cando comenzou a celebración -en torno ás once e media da mañá- xa resultaba difícil encontrar un lugar para aparcar na localidade de Froxán e do seu entorno. O tempo seco e soleado axudou a que o programa da xornada se desenvolvese segundo estaba previsto sen ningún impedimento.

Como é habitual, o festexo abriuse cunha demostración da técnica tradicional de secado das castañas nun sequeiro da localidade. A continuación iniciouse o proceso da pisa, que consiste en bater as castañas secas -gardadas nun saco- contra un tronco, a fin de desprender a casca do froito. Os visitantes tiveron ocasión de participar nesta tarefa despois de ver como se fai e de recibir as explicacións pertinentes. O labor completouse sacudindo as castañas nunha bandexa de madeira -chamada bandoxo- para terminar de pelalas.  

Cambio na dirección

O actor Josito Porto pronunciou o pregón do festexo á unha e media da tarde. Previamente falou Evaristo Méndez, presidente da asociación cultural Fonte do Milagro, que organiza o festexo desde os seus inicios. Méndez aproveitou a ocasión para anunciar a súa retirada, sinalando que esta era a última vez que se encargaba de preparar a Festa da Pisa da Castaña e que o próximo ano ese cometido estará xa noutras mans.

O programa da xornada festiva completouse cunha demostración de serraxe de troncos ao estilo tradicional, utilizando a serra de aire, algo que a asociación Fonte do Milagro ten organizado anteriormente noutras localidades do municipio, como Vilamor e Ferreirós de Abaixo. Durante a tarde houbo tamén unha foliada libre, na que todos os que quixeron tiveron a oportunidad de axudar a animar o ambiente con cantos e música. Entre os numerosos visitantes houbo varias personificacións do Apalpador, o lendario carboeiro do folclore do Courel que visita aos nenos durante a última noite do ano pasa agasallalos con castañas. O 30 de decembro do ano pasado puido verse por primeira vez como este personaxe -en carne e óso- saía do bosque da Devesa da Rogueira, nun acto que foi organizado polo Concello de Folgoso do Courel.