
O vehículo permitirá chegar a lugares de difícil acceso e socorrer en menos tempo
23 jul 2020 . Actualizado a las 05:00 h.O presidente da Deputación e do Consorcio Provincial, José Tomé Roca, participou este mércores na entrega dun novo vehículo de mando para o parque de bombeiros de Monforte. O coche trátase dun todoterreo valorado en 30.000 euros adquirido polo Consorcio Provincial, no que participan a partes iguais a Xunta e a Deputación.
Con esta nova adquisición será posible que o corpo de bombeiros realice intervencións en menos tempo e chegar a lugares de difícil acceso. O seu interior conta co espazo suficiente como para transportar un amplo e necesario equipamento de rescate, como poden ser os equipos de respiración autónomos ou de excarceración, entre outros. Conta tamén cun cable de arrastre para desprazar vehículos avariados.
O parque monfortino era o único de todo o Consorcio Provincial que carecía desta furgoneta. Con esta amplíase o seu equipamento, que xa contaba cun vehículo de bomba urbana lixeira, cun camión nodriza e cun camión de altura de autobrazo articulado.
Para garantir a prestación deste servizo ante emerxencias do sur de Lugo, o novo vehículo de mando tamén estará a disposición dos parques de Chantada e Sarria, en caso de necesidade.