As últimas eleccións galegas deixan un resultado claro nas comarcas do sur de Lugo onde o voto ao PP o converte na primeira forza política en todos os concellos, mais cunha baixada porcentual que se mantén no tempo e que ten na mortalidade gran parte da explicación, por seren as persoas de maior idade as que de maneira maioritaria escollen a súa papeleta. Isto pode ser o que explique a noticia de que o Goberno galego leva de Monforte o Craega, algo que se tiñan planeado calaron nas eleccións, e que tres semanas despois levan para Lugo, o que demostra unha prostitución dos principios da democracia, que ten precisamente na representación a súa razón de ser. Todas as persoas que forman os parlamentos ostentan a nosa representación, non a propia, e por tanto a do Partido Popular no sur de Lugo fallounos xa antes de constituír o novo goberno.
Teño para min que unha compra en Lugo dunha nova sede segue unha folla de ruta que procura os votos da capital, sen miramentos e afondando no despoboamento e na política daniña para a nosa zona, como fixeron coas liñas ferroviarias, co butano, coas conexións de autobús, e con tantas cousas que só reivindican en eleccións. Esta medida ten que pasar factura porque nos condenan a unha dependencia que non tiñamos, e prívanos de empregos de calidade asociados aos sectores produtivos onde a fixación de poboación é máis doada. Temos aínda o consello regulador do viño na única denominación da nosa provincia, non terán plans escuros tamén?
Están desmantelando Monforte á mantenta, e iso teno que saber a xente, que o novo goberno da Xunta, xa antes de se constituír lexisla contra o sur de Lugo, por que? Onde están os pesos pesados do sur da provincia que pedían o voto en cada feira para evitar esta perda, por que supeditan as necesidades das comarcas do sur aos intereses do partido? Como os alcaldes da comarca e os populares de Monforte, segunda cidade da provincia, permiten isto? Ou é que lles chega co voto pensionista no sur, e cómpre o voto en idade activa da capital?
Dicimos aquí no sur que «así paga o demo a quen o serve», pero a historia non os absolverá!