O4 de febreiro, Madrid (como non) acolle o 3ª Congreso Ibérico de Fincas Rústicas (CEIFIR). Organizado polo portal inmobiliario Fincalista, terá lugar no edificio do Banco de Santander. Xa se intúe por onde van os tiros. O programa é do máis amplo, iso si, e inclúe ponencias sobre agricultura rexenerativa, cambio climático, relevo xeracional ou dixitalización das explotacións. Son temas dos que levamos anos escoitando falar dende que Campo Vidal creou aquilo da «España Vaciada». Coma o fútbol ou a medicina, o mundo rural fíxose cun oco nas tertulias dos bares.
Pero o sustancioso do asunto está nas cifras e nas letras. Dende 2020 os solos rústicos revalorizáronse un 41% mentres que o IBEX 35 caía un 10%. Cousa curiosa tendo en conta que cada vez pechan máis explotacións agrarias e, sobre todo, gandeiras. Non parece que sexa polo que lles vaian pagar polas parcelas cando botan o peche...
Algúns outros datos que chocan con esta suba do valor da terra agraria témolos na caída do consumo de produtos tradicionais do campo. Xa non só o do viño tinto senón tamén na carne de año e cabrito, que xa é inferior a un quilo por persoa e ano, ou das froitas e hortalizas. Ou o queixo de ovella, que caeu un 28% dende 2023. A suba dos prezos pode ser parte da causa desas baixadas, pero tamén baixou a produción polo peche de explotacións e, consecuentemente, a oferta.
Mais, volvendo ao CEIFIR, no programa fálase das bondades de acudir ao Venture Capital. Unha fórmula de financiación que básicamente consiste en que os inversores —xeralmente fondos de investimento— poñen cartos para proxectos de agroindustria medianos e pequenos. Se a cousa vai ben, levan a maior parte do beneficio como socios maioritarios que son. Se a cousa vai mal, quedan con eses terreos revalorizados un 41%. E o traballo sempre o pon o agricultor ou o gandeiro.
Entre os ponentes destacan os expertos en investimento por riba dos profesionais da enxeñería agrícola. Vaia. E tamén hai representantes das administracións públicas. Recentemente o profesor Xavier Marcet advertía nunha charla en Chantada do perigo aa burocratización para a economía da UE. Un perigo ao que o sector agrogandeiro non é alleo. Pero os políticos, especialmente os que ocupan cargos sen ser elexidos polo pobo, teñen que deixar a súa impronta para que se vexa que hai que telos en conta. Como ben aplicaba Yoko Ono: se non podes axudar, estorba.
O CEIFIR terá a súa utilidade e del sairán importantes cantidades de conclusións con impacto. A cuestión é que ese impacto sexa positivo para quen aínda ostenta a propiedade e/ou o uso da terra. Se os beneficiarios son só inversores e responsables políticos, pouco valerá para quen vive do campo. En todo caso, no evento sempre se porán enriba da mesa datos importantes para afrontar o futuro, anticiparse e ter elementos de xuizo. Porque se algo está claro no sector primario é que quen fala con absoluta certeza e asegura ter a solución é a quen non se debe escoitar.